A Xunta organiza a semana que vén en Lugo e Barbadás senllas xornadas de difusión do selo de calidade de artesanía alimentaria

A de Lugo, que terá lugar o vindeiro martes 18 de outubro no edificio administrati-vo da Xunta, abordará a norma técnica de elaboración de queixos artesáns cun exemplo práctico ao final
 

A de Barbadás, que está prevista no Centro Empresarial Transfronteirizo o xoves 20, tratará a norma técnica dos derivados cárnicos e -como práctica- a elaboración de aceite artesán

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- celebrará a semana que vén en Lugo e Barbadás senllas xornadas técnicas de divulgación e formación na produción e etiquetado de produtos alimentarios artesáns, co fin de animar aos operadores deste ámbito a inscribirse no selo de calidade de Artesanía Alimentaria. A primeira terá lugar no edificio administrativo da Xunta en Lugo das 10,00 ás 13,00 horas do martes 18 de outubro e a segunda ás mesmas horas do xoves 20 no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás.

Así, ao longo das xornadas abordaranse os obxectivos deste selo e as condicións xerais para a produción de alimentos artesáns, ademais da normativa reguladora correspondente, o control e certificación da actividade artesá e a flexibilización das normas de hixiene. Tamén se tratará o propio proceso de inscrición no distintivo de Artesanía Alimentaria e o inicio da actividade artesanal.

A maiores, haberá un apartado sobre prácticas innovadoras, así como exemplos de normas técnicas e de produtos artesáns. Nesa liña, en Lugo tratarase -da man da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela (USC)- a norma técnica de elaboración de queixo artesán cun exemplo práctico ao final a cargo dunha queixería. No caso de Barbadás, o Centro Tecnolóxico da Carne dará a coñecer as peculiaridades da norma técnica de derivados cárnicos, mentres o exemplo do remate será de elaboración dun aceite de oliva artesán.

Os interesados nestas xornadas poderán apuntarse completando -no caso de Lugo- o formulario do seguinte enlace (https://forms.gle/znNwPcQHJ3mrzpFG8) e estoutro (https://forms.gle/uGTCe2sHbgVGZxQFA) no caso de Barbadás. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 627 570 950 ou enviar un correo electrónico a artesaniaalimentaria.agacal@xunta.gal.

Imaxes relacionadas