A Xunta destaca que a plataforma experimental de eólica mariña vai permitir xerar coñecemento e I+D+i para o despregamento deste sector

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantiveron hoxe unha reunión na Autoridade Portuaria da Coruña para avaliar o protocolo xeral de actuación para a posta en marcha deste proxecto piloto

Insiste en que Galicia avoga por impulsar esta tecnoloxía renovable pero sempre salvagardando os intereses do sector marítimo-pesqueiro galego e a preservación do ecosistema mariño
 

A Coruña, 10 de outubro de 2022  O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a plataforma experimental de eólica mariña vai permitir xerar coñecemento e I+D+i para o futuro despregamento deste sector. 

Acompañado da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, Conde mantivo esta mañá unha reunión na Autoridade Portuaria da Coruña para avaliar o protocolo xeral de actuación para a construción desta infraestrutura piloto na que colabora, tamén, Rede Eléctrica.  

O vicepresidente económico insistiu en que Galicia avoga por impulsar esta tecnoloxía renovable pero sempre salvagardando os intereses do sector marítimo-pesqueiro galego e a preservación do ecosistema mariño. E, ao respecto, asegurou que este proxecto vai achegar coñecemento tecnolóxico e no ámbito da biodiversidade que repercutirá nun maior e máis eficiente aproveitamento do noso potencial renovable e na competitividade do propio sector.  

Trátase dunha infraestrutura singular de ensaios que, de acordo ás primeiras estimacións, poderá supoñer un investimento de 12M€ e vai estar formada por dous ou tres aeroxeradores cunha potencia de 30MW. Estará localizada a 10 km do porto exterior da Coruña e vai permitir testear estes prototipos flotantes e facer estudos do medio mariño. 

Nesta liña, Conde quixo agradecer á Autoridade Portuaria da Coruña a súa participación activa en proxectos relacionados con ámbitos tan diversos como a xeración de hidróxeno verde, os biocombustibles ou a eólica mariña que van facer deste enclave un verdadeiro ecosistema de enerxía verde en Galicia. Punta Langosteira xa conta actualmente cunha zona experimental centrada no desenvolvemento de enerxía undimotriz e maremotriz; polo que a futura plataforma de eólica mariña vén complementar toda unha infraestrutura que sitúa o porto exterior da Coruña como centro de ensaios das enerxías mariñas. 

Conde concluíu apelando á máxima colaboración e ao diálogo, e remarcando a necesidade de que o Goberno axilice a aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), porque antes de poder avanzar en ningunha outra iniciativa é necesaria esa folla de ruta que permita coñecer as zonas que van estar delimitadas para a implantación de enerxías mariñas.

Imaxes relacionadas