Xunta e Concello de Noia asinan o convenio para a construción dun novo centro de saúde cunha superficie de máis do dobre do actual

O novo inmoble permitirá incorporar tres novas salas de técnicas, unha consulta de hixienista dental ou a base do 061

 

A área pediátrica ganará unha sala de observación e a área de fisioterapia, uns vestiarios

Noia (A Coruña), 10 de outubro de 2022 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o alcalde de Noia, Santiago Freire; asinaron está mañá un convenio que permitirá a construción dun novo centro de saúde no municipio que terá unha superficie de máis do dobre do actual, pois acadará case os 4.200 m2, fronte aos 1.780 do actual inmoble.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, agradeceu e salientou a axilidade e rapidez por parte do Concello de Noia na posta a disposición da Xunta dos terreos onde se construirá esta nova infraestrutura sanitaria, unha previsión que permitirá que Noia sexa o primeiro centro de saúde da provincia da Coruña da Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria.

Será un edificio de uso exclusivo sanitario, co que iso significa para a ordenación da asistencia. Un inmoble moderno, fronte ás actuais instalacións de máis de 25 anos, que permitirá mellorar a organización asistencial, pois contará con catro salas de técnicas -tres máis que as actuais- onde se poderán facer ecografías, espirometrías, retinografías, electrocardiogramas ou cirurxía menor.

No novo centro de saúde tamén haberá espazo para unha consulta de hixienista dental xunto á de odontoloxía, ou para incorporar vestiarios para os pacientes na área de fisioterapia. As melloras tamén afectan á área pediátrica, que ampliará os seus espazos e contará cunha sala de observación con capacidade para dous postos.

Tamén, na zona do PAC ampliarase a área de consultas e a sala de observación, e integrarase dentro deste edificio a base da ambulancia do 061.

Trátase, como salientou o conselleiro de Sanidade, de “melloras importantes pero que consideramos imprescindibles”.

O centro de saúde de Noia atende a máis de 13.000 persoas deste concello e, a través do PAC, chega a 32.000, xa que dá servizo á veciñanza de Lousame, Outes ou Porto do Son. O novo centro suporá unha mellora na atención aos usuarios, e tamén aos preto de 50 profesionais que prestan servizo.

O conselleiro de Sanidade lembrou que a Xunta traballa nun novo modelo de organización da atención primaria “que deixe de estar centrado en exclusiva no médico e potencie o papel das outras categorías dos centros de saúde”. O novo centro de saúde de Noia será un exemplo deste novo modelo “xa que o ano pasado incorporou e cubriu unha nova praza de enfermería especialista en familiar e comunitaria, e conta tamén con persoal farmacéutico, ao que estamos a ampliar tamén as súas funcións”.

Renovación integral da atención primaria

A Xunta segue traballando na renovación integral da atención primaria en Galicia. Nos últimos 12 anos, o Goberno galego constuiu ou reformou máis de 100 centros que, xunto cos cinco que están hoxe mesmo en construción, suman un investimento de máis de 120 millóns de euros.

Os fondos destinados nos Orzamentos deste ano para o capítulo de investimentos en atención primaria son, con 34,3 millóns de euros, os segundos máis altos dos últimos 16 anos, o que amosa o compromiso coa atención primaria. Tamén, os fondos para persoal de atención primaria soben respecto ao ano pasado e sitúanse 100 millóns por riba dos de 2009.

Na provincia da Coruña, ademais de Noia, a Xunta ten iniciado os trámites para a construción do centro de saúde de Abegondo e o de Santa Lucía, na cidade da Coruña. 

Imaxes relacionadas