Un total de 434 universitarios de Galicia acadan os Premios de Excelencia Académica

Son 24 estudantes máis ca na convocatoria anterior

Dos premiados, 172 son da Universidade de Santiago, 123 da da Coruña e 139 da de Vigo

O 63,5% das persoas galardoadas son mulleres e o 36,5% homes

O 43% son estudantes de Ciencia Sociais, o 17% de Enxeñaría e Arquitectura, o 14% de Ciencias da Saúde, o 14% de Artes e Humanidades e o 12% de Ciencias

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022 Un total de 434 estudantes recibirán os Premios de Excelencia Académica do curso 2020/21, 24 máis ca na convocatoria anterior. A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se conceden estes galardóns, dos que 172 son para estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 123 da da Coruña (UDC) e 139 da de Vigo (UVigo). O 63,5% das persoas recoñecidas con estes galardóns son mulleres e o 36,5% homes.

Por rama de coñecemento, o 43% son estudantes de Ciencias Sociais, o 17% de Enxeñaría e arquitectura, o 14% de Ciencias da Saúde, o 14% de Artes e Humanidades e o 12% de Ciencias.

Nas tres universidades públicas galegas a nota máxima acadada foi un 10. Na USC esta cualificación rexistrouse no grao en Filosofía (Santiago de Compostela), na UVigo nas titulacións de Educación Primaria (Campus de Pontevedra e Campus de Ourense) e de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (Campus de Pontevedra); mentres que na UDC foi no grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios (Campus da Coruña).

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 528.000€, 10.000€ máis ca na convocatoria anterior. O premio ascende a 1.000€, cunha contía adicional de 500€ para os 188 mellores expedientes. Así mesmo, cada persoa premiada recibe un diploma acreditativo desta distinción.

Recoñecemento e motivación

O obxectivo destes premios é recoñecer o traballo das persoas que obtivesen as mellores cualificacións en cada un dos cursos de grao oficial no Sistema Universitario de Galicia (SUG), agás no último, no que o Goberno galego concede os premios de fin de carreira.  

Con esta liña de axudas o Goberno galego quere motivar ao alumnado universitario para mellorar o seu currículo, poñendo en valor seu mérito e esforzo no estudo e a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo. Neste sentido, estimular o aproveitamento académico constitúe unha aposta pola construción dun Sistema universitario de Galicia excelente, competitivo e de calidade.