A Xunta súmase á demanda da Avogacía do Estado sobre os bens que se atopan en Meirás

Presenta o escrito de personación no xulgado de Madrid que leva a reclamación como propiedade pública de bens vinculados ás figuras de Emilia Pardo Bazán e Franco

O Goberno autonómico volve unha vez máis a apoiar a reivindicación do Goberno central como leva facendo durante todo este proceso
 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022  A Xunta de Galicia presentou este luns, no Xulgado de Primeira Instancia nº 70 de Madrid, o escrito polo que se suma á demanda da Avogacía do Estado para reclamar a propiedade pública de diferentes bens mobles que se atopan nas Torres de Meirás e que están vinculados ás figuras de Emilia Pardo Bazán e de Francisco Franco en calidade de xefe do Estado durante a ditadura.

 

Este novo paso do Goberno autonómico reforza a postura que leva mantendo desde o inicio do proceso, apoiando sempre a unidade de acción co resto de administracións e traballando de forma leal e coordinada para favorecer os intereses xerais de Galicia. De feito, a Xunta foi adheríndose como parte coadxuvante ás diferentes decisións da Avogacía do Estado dentro de todo o proceso xudicial, cumprindo así o mandato do Parlamento de Galicia.

 

A reclamación nun xulgado de Madrid da propiedade pública de diferentes bens, presentada por parte do Goberno de España hai unhas semanas, era un paso que a Xunta de Galicia levaba solicitando desde hai moito tempo. O Executivo galego considera que, como se vén acreditando, a única forma de garantir a propiedade destes bens é acadala a través da vía xudicial, como xa se fixo con éxito co inmoble e con determinados elementos vinculados.

 

Contexto histórico

No seu escrito, a Xunta expón o seu interese lexítimo para participar neste preito, como xa fai no proceso sobre a propiedade do inmoble de Meirás que se sigue nos últimos anos nun xulgado da Coruña. Neste novo caso, que se acaba de abrir, entende que a consideración como bens de dominio público de determinados obxectos relacionados coas dúas persoas que habitaron o inmoble (Pardo Bazán e Franco) e a permanencia destes bens no seu contexto faría máis transmisible e comprensible os acontecementos históricos que alí se produciron.

 

Tamén entende que sería fundamental para difundilo dun xeito máis preciso e auténtico á cidadanía e engade que as administracións públicas teñen interese en que se acheguen os valores culturais dos bens nas mellores condicións e da forma máis precisa e completa posible.

Imaxes relacionadas