A Xunta apoia o primeiro festival de deporte urbano ‘Parrochiño urban games’ que se celebra esta fin de semana no porto de Ferrol

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, percorreu as probas e actividades deste evento de referencia no deporte urbano que contribuirá tamén á promoción turística do concello


O Goberno galego apoia os deportes urbanos e o fomento da actividade física entre a poboación en idade escolar a través de iniciativas como o programa Xogade, do que xa se publicou a convocatoria para a tempada 2022/2023 e a contratación da póliza de seguro para os participantes por máis de 4,3 millóns de euros ata 2024


Continuarase a apoiar ao deporte galego cun investimento de 18 millóns de euros nos orzamentos de 2023 destinado á posta en marcha e mellora de infraestruturas deportivas

 

Ferrol, 9 de outubro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe as actividades que acolle esta fin de semana o porto de Ferrol con motivo do Parrochiño Urban Games, un festival de deporte urbano en combinación con outras actuacións musicais e artísticas. Na súa visita realizou un percorrido polas distintas probas de escalada, incluíndo un muro sobre o mar, ademais de saudar aos participantes dos campionatos de skateboard e skate-surf.

Cómpre destacar o auxe destes deportes ao aceptarse como disciplinas olímpicas nos últimos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 o skateboard, a escalada olímpica, o BMX freestyle ou o basket 3x3 ás que se sumará o breakdance en París 2024.

O Parrochiño Urban Games, no que colaboran a Xunta e a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, será xa na súa primeira edición un evento de referencia no deporte urbano convertendo estes días Ferrol en polo de atracción turística grazas á unión con éxito do turismo e o deporte.

A Xunta apoia os deportes urbanos a través de eventos como a segunda edición da Liga Xunta de Galicia de Break que comezou en maio e rematará en novembro percorrendo 10 sedes galegas.  Tamén na liña de promover hábitos de vida saudable entre os galegos e galegas, especialmente entre os máis novos, os orzamentos de 2023 recollen un investimento de 18 millóns de euros para impulsar a construción de instalacións deportivas.

Deportes urbanos como o breaking ou o parkour poderán incluirse ademais no catálogo de actividades previstas no marco do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos) co obxectivo de aglutinar toda a oferta deportiva e lúdica en idade escolar promovida pola Xunta e promover a práctica da actividade física na poboación escolar, entre 6 e 16 anos.

 

Deste xeito, o Goberno galego vén de aprobar a contratación dunha póliza de seguro colectivo para cubrir os riscos derivados da práctica deportiva, con motivo da participación no programa, tanto nas actuacións do ámbito federado como do escolar, en favor dos compoñentes do colectivo asegurado no período 2022-2024.

En total, a póliza que se contratará terá un valor por importe de máis de 4,3 millóns de euros ata 2024 -en concreto nas tempadas 2022/2023 e 2023/2024- cunha prima anual media de 2,16 millóns de euros un 21,5% máis que a prima media anual de 1,78 millóns de euros deste ano.

A nova convocatoria do programa Xogade para o curso 2022/2023 levará a actividade a todos os concellos para brindar á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade. Na próxima tempada as disciplinas convocadas dentro da actividade deportiva escolar de Xogade serán un total de 15 e adheríronse 38 federacións ao programa.

Ademais, na convocatoria xa publicada no Diario Oficial de Galicia propóñense outras actividades ao abeiro do programa Xogade, entre elas actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades que se poderán incorporar ao longo da tempada como precisamente breaking, deportes alternativos e tradicionais ou pankour.