A Policía concede ao coordinador da Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta a Medalla con distintivo branco polo seu labor

Este recoñecemento -que supón a entrada de José María Carlés na Orde ao Mérito Policial- ten como obxectivo poñer en valor o seu traballo en relación coa vixilancia, coa disuasión e coa investigación dos lumes

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2022 O coordinador da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), José María Carlés, vén de recibir a Medalla con distintivo branco que outorga a Dirección Xeral da Policía. Este recoñecemento -que suporá o seu ingreso na Orde ao Mérito Policial- foille entregado polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no marco dos actos institucionais organizados de maneira conxunta entre a Policía Nacional e a Policía Autonómica para conmemorar o Día da Policía.

A distinción busca premiar aos que sobresaen no cumprimento dos seus deberes ou na realización de traballos de carácter profesional, en todo caso, con prestixio para o servizo. Nesa liña, cómpre lembrar que a UIFO é unha unidade dependente da Consellería do Medio Rural integrada por 15 membros da escala de axentes ambientais que destaca por coordinarse e colaborar coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no seu traballo de loita contra os incendios forestais.  

Con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte, estes axentes están desvinculados das tarefas de extinción, polo que poden centrarse especificamente e con maior intensidade en tarefas de vixilancia, disuasión e investigación dos lumes. A maiores, grazas a esa dedicación en exclusiva, os integrantes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais poden focalizar o seu labor naquelas zonas do territorio que se consideren máis sensibles, especialmente en períodos nos que se incrementa o risco de lumes

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural