A Xunta adxudica as obras para mellorar espazos públicos no Concello dos Blancos, cun investimento total de 70.000 €

Acondicionaranse as beirarrúas da vía principal do núcleo e conectaranse as baixantes á rede de recollida de pluviais
 

Este proxecto enmárcase no plan Hurbe, unha iniciativa posta en marcha hai máis dunha década para promover actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2022

A Xunta acaba de adxudicar obras para a execución dun proxecto urbanístico destinado á mellora e humanización de espazos públicos no Concello dos Blancos. O investimento previsto ascende a máis de 70.000 euros.

 

A finalidade é acondicionar e mellorar as beirarrúas no viario principal do núcleo do municipio, xa que nestes momentos presentan un estado moi deficiente e desniveis que provocan que a auga se estanque e non evacúe de forma correcta. O obxectivo da actuación, cun prazo estimado de 2 meses, é mellorar a accesibilidade dos viandantes e renovar o aspecto da zona.

 

As obras previstas consistirán na demolición e retirada das lousas da beirarrúa —moitas das cales están soltas e rotas polas filtracións— e no levantado do bordo actual para, a continuación, volver pavimentar, colocar lousas de formigón hidráulico e novos bordos de granito. Ademais e co fin de resolver o problema que supón que as baixantes das cubertas evacúen directamente nas beirarrúas, acometerase a súa conexión coa rede de pluviais que vai pola marxe da vía a través dunha tubaxe de PVC.

 

Esta actuación enmárcase no plan Hurbe, unha iniciativa posta en marcha hai máis dunha década para promover actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

 

Grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.