A Xunta inviste máis dun millón de euros na promoción de 29 artistas e grupos a través das primeiras axudas ao talento musical galego

Cas d’Oleiro, Culturactiva, Ernie Producciones, EsmerArte, Kalderon Producciones, Lospregos, Musicarte Rey Saavedra, Nordesía, Play Plan Cultural, Xabier Díaz e Xonix Records son as 11 empresas apoiadas mediante esta convocatoria
 

Nomes como A Pedreira, Boyanka Kostova, Brath, Budiño, Guadi Galego, Laura LaMontagne & Pico Amperio, Luar na Lubre, Ortiga, Pablo Lesuit, Pauliña, Sheila Patricia, Tanxugueiras ou Xoel López figuran nos proxectos subvencionados
 

Esta convocatoria do Hub Audiovisual da Industria Cultural supón unha inxección económica sen precedentes no sector como achega directa ás carreiras musicais de solistas e bandas
 

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2022

  A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de publicar a adxudicación da súa convocatoria de axudas ao talento musical galego, a través da que inviste máis dun millón de euros na promoción e difusión de 29 artistas e grupos musicais da man das súas 11 empresas promotoras.

 

Enmarcada nas medidas que a Xunta de Galicia está a desenvolver a través do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, esta convocatoria para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais supón un salto cuantitativo e cualitativo respecto a anteriores axudas específicas para o sector musical, dirixidas maioritariamente á organización de festivais e concertos e á produción discográfica. Desta volta, contribúese directamente á promoción dos artistas en diferentes fases, que van desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria.

 

Proxectos unitarios e colectivos

Así, na modalidade A para propostas arredor dun só artista ou grupo, resultaron adxudicatarias as empresas Cas d’Oleiro para a promoción da banda Brath (30.800 euros); Culturactiva para Guadi Galego co que será o seu novo álbum, Roiben (36.695 euros); Lospregos para a creación, desenvolvemento e difusión do novo traballo discográfico de Budiño (29.115 euros); Nordesía Producións para A Pedreira, o proxecto en solitario de Ugia Pedreira (28.925 euros); Xabier Díaz (40.000 euros), e Xonix Records para a carreira musical de Pauliña (29.925 euros).

 

Na categoría B, apóianse cinco promotoras para levar a cabo proxectos de difusión arredor dun mínimo de catro solistas ou bandas, con subvencións que van dos 110.000 aos 200.000 euros. É o caso de Boyanka Kostova, Carlangas, Niños Mutantes, Ortiga e Shego, presentados por Ernie Producciones (130.925 euros); Eladio y Los Seres Queridos, Furious Monkey House, Pablo Lesuit e Xoel López, por EsmerArte (200.000 euros); Ailá, Astarot, Quico Comesaña, Luar na Lubre e Sés, por Kalderon Producciones (200.000 euros); Adhara & Ritman, La Casa de Los Ingleses, Robert Pier e Sheila Patricia, por MusicArte Rey Saavedra (110.000 euros) e García MC, Laura Lamontagne & Pico Amperio, Pakolas, Sondarúa e Tanxugueiras, por Play Plan Cultural (200.000 euros).  

 

As contías adxudicadas, que se distribuirán entre este ano e 2023, serán destinadas a asumir ata o 70% dos gastos de cada proxecto que teñan que ver con produción, comercialización e márketing, promoción e comunicación, distribución dixital, concertos e xiras, consultaría e persoal, entre outros.

 

Diálogo co sector

A apertura desta vía de apoio por parte da Xunta foi o resultado dun proceso de diálogo coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), colectivo que agrupa as principais compañías de management e axencias artísticas galegas, co obxectivo de apoiar toda a cadea de valor que permite o impulso das carreiras musicais.

 

A súa convocatoria materializouse como unha das liñas de acción deseñadas para o sector musical no marco do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais e creativas galegas ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Imaxes relacionadas