A Xunta activa o luns unha canle para a comunicación de forma anónima de presuntos incumprimentos normativos en materia de transportes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade crea un espazo no seu portal web para que os cidadáns poidan poñer en coñecemento da Inspección de Transporte posibles incumprimentos no transporte de viaxeiros e de mercadorías

Será posible trasladar os feitos que se entenden constitutivos dun incumprimento da normativa de transporte sen necesidade de achegar os seus datos identificativos

Con esta iniciativa, a Xunta continua traballando por reforzar a comunicación cos cidadáns e a transparencia nos servizos de transporte prestados na comunidade
 

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2022 A Xunta activa o luns unha canle anónima para a comunicación de presuntos incumprimentos normativos en materia de transportes de competencia autonómica. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade implantará no seu portal web unha canle para que os cidadáns poidan poñer en coñecemento da Inspección de Transporte posibles incumprimentos normativos no transporte de viaxeiros e tamén de mercadorías.

A través do seguinte enlace poderase acceder á páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que contará con esta nova canle de comunicación: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal

 O cidadán, de xeito anónimo, pode efectuar a comunicación dos feitos que entenda que poden constituír un incumprimento da normativa de transporte sen necesidade de consignar ningún dato identificativo. 

Se así o desexa, o usuario poderá achegar un correo electrónico que permita que a Administración poida requirir información adicional en relación aos feitos denunciados para a súa investigación. 

O formulario electrónico prevé unha serie de campos para identificar o obxecto e suxeito ao que se atribúe a irregularidade comunicada e a súa data de comisión, acoutada temporalmente con base nos prazos de prescrición das infraccións. 

Tamén se prevé unha nomenclatura que codifica os ámbitos nos que poden encadrarse os feitos relatados: carencia de autorización, carencia de CAP, tempos de condución e descanso, incumprimentos de tacógrafo, exceso de peso, transporte regular de viaxeiros, transporte escolar, taxis, estacións de autobuses, entre outras opcións. 

Adicionalmente, recóllese un campo de texto de ata 6.000 caracteres e a posibilidade de xuntar documentación complementaria nun amplo abano de formatos. 

A Xunta, coa posta en marcha desta iniciativa, continua traballando por reforzar a comunicación eficiente cos cidadáns e a transparencia de cara a mellorar, neste caso, os servizos de transporte prestados na comunidade.