A Xunta alleou 25 lotes de madeira por 1,85 M€ nunha nova poxa pública electrónica de madeira en Ourense

Os importes acadados na poxa manteñen a tendencia dos prezos da madeira de coníferas avanzado en anteriores poxas, sendo previsible que continúen nestes niveis debido a que esta madeira está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións

Cómpre destacar que 14 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e 10 con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación máis implantados a nivel mundial

A plataforma telemática a través da que se realiza a poxa enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Amtega están a desenvolver conxuntamente

Santiago de Compostela, 08 de outubro de 2022 A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, procedeu esta semana ao alleamento de 25 lotes de madeira que acadaron un valor total de 1.853.498 euros. A totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería.

En total, os lotes suman 43.000 toneladas de madeira de piñeiro do país e piñeiro silvestre, xunto con cantidades menores doutras especies; isto tradúcese nunha absorción de CO² de máis de 26.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Os importes acadados na poxa confirman os altos prezos da madeira de coníferas, chegando aos 60 € por tonelada en monte para a rolla de piñeiro do país e piñeiro silvestre, acadándose tamén moi bos prezos na madeira procedente de rareas desta última especie, que mesmo chegou a superar os 40 € por tonelada nos lotes a resultas de liquidación final. O resultado da poxa pode consultarse no enderezo https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas

Cómpre destacar que os mellores prezos acádanse na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima sendo previsible que se manteña no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.

Os lotes de madeira certificada cumpren cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación máis implantados a nivel mundial. Amais, as empresas adxudicatarias destes lotes dispoñen dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira e o mantemento destes selos ata o produto final. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Cabe lembrar que -como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizaron todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase puido seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.

Compromiso da Xunta

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

 

Departamento:
C. do Medio Rural