A Xunta incrementará en máis dun 50% o investimento para o Programa Galego de Vacinación nos Orzamentos de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou, na XXIII Xornada Central de Formación en Vacinas, un incremento de 10 millóns de euros nesta partida ata acadar os 28,9 millóns

O Programa Galego de Vacinación contémplase como un proceso de protección da saúde da persoa en todas as etapas da súa vida
 

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2022.-

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no acto de Inauguración da XXIII Xornada Central de Formación en Vacinas, que a Xunta incrementará en máis dun 50% o investimento para o Programa Galego de Vacinación no Proxecto de Orzamentos para o 2023 que a Xunta remitirá ao Parlamento de Galicia. Falamos, -remarcou o responsable da sanidade pública galega-, “dun aumento de 10 millóns de euros nesta partida, ata acadar os 28,9 millóns”.

No acto, no que o titular da carteira sanitaria do Executivo galego estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o conselleiro remarcou que o Calendario de vacinación ao longo de toda a vida, recentemente presentado polo Executivo galego, sitúa a Galicia como unha das comunidades con mellor calendario vacinal do Estado.

Segundo Comesaña, este novo calendario presenta un cambio de mentalidade na vacinación, “que non pode contemplarse só como unha estratexia infantil, senón que se visualiza como un proceso de protección da saúde da persoa en todas as etapas da súa vid”. Trátase, ademais, “dunha clara aposta da Consellería de Sanidade pola prevención das enfermidades a través da ampliación do calendario de vacinación infantil, así como dos cribados neonatais”.

O conselleiro considera gratificante dar estes pasos tan importantes para mellorar a cobertura que se presta á poboación galega, e non só en termos cuantitativos, “senón en termos cualitativos e de equidade das nosas políticas”.

Tamén destacou Comesaña, a importancia da formación, a innovación e a investigación no campo das vacinas. Así, “dende Sanidade queremos contribuír nestes campos de coñecemento a través da Escola Galega de Saúde Pública”. Ao respecto, o responsable do Sergas dixo que xa comezaron os primeiros proxectos de investigación en colaboración co grupo de vacinas e infeccións do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, e agardamos, en breve, asinar un convenio de colaboración coa Sociedade Galega de Medicina Preventiva e Saúde Pública, así como coa Universidade de Santiago.

Sinalar, por último, que a Xornada, que será clausurada por Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, conta con tres mesas, nas que se falará da vacina antipneumocócica; das vacinas ARNm e a protección inmune; e do calendario de vacinación ao longo de toda a vida.

Imaxes relacionadas