As axudas para os deportistas galegos de alto nivel acadan a súa contía máxima polos resultados do ano anterior cunha achega de medio millón de euros

O prazo de presentación de solicitudes comeza hoxe, 8 de outubro e rematará o vindeiro 24 de outubro de 2022

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2022.-

A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar este venres no Diario Oficial de Galicia o anuncio da Convocatoria de Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel 2022 e que se enmarca no plan de axudas á preparación dos deportistas galegos de alto nivel. Este plan é unha actuación máis na liña de apoio aos deportistas para que sigan mellorando o seu rendemento deportivo e co que se pretende axudar na dedicación ao deporte de alto nivel.

A convocatoria para o ano 2022 acada a súa máxima contía histórica polos resultados do ano anterior, ao acadar o medio millón de euros -unha cifra que tamén se acadou no ano 2010-. Con todo, a partida para as Axudas DGAN 2022 sobe un 11% con respecto a 2021 (436.450 euros).

Esta convocatoria conta nesta ocasión con nove tipos de axudas que serán asignadas segundo os resultados deportivos acadados durante o ano 2021 e que a federación galega correspondente acreditará. As devanditas bases desta convocatoria están na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e na web http://deporte.xunta.gal dende hoxe. O prazo de presentación de solicitudes comeza hoxe, 8 de outubro, e rematará o vindeiro 24 de outubro.

Do mesmo xeito que nas edicións olímpicas e paralímpicas anteriores de Londres 2012 e Río 2016, as axudas DGAN no ano olímpico de Tokyo 2020 desenvolvéronse en dúas fases, diferenciando os deportistas olímpicos que primeiro prepararon e despois participaron na competición olímpica ou paralímpica, do resto de deportistas DGAN, co obxecto de precisar mellor as axudas destinadas. Nesta edición 2022 recupérase o modelo dunha única convocatoria, coa que se pretende axudar á preparación e participación en competicións aos deportistas que participaron nos últimos Xogos e ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2021 e 2022.

Estas axudas cofinanciaranse en virtude da colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte, para desenvolver algunhas das medidas previstas no pacto de Estado contra a violencia de xénero, como as que se refiren ao desenvolvemento de campañas de prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero, que terán como destinataria principal a mocidade, para que interiorice a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.

Algunhas persoas deportistas galegas que se poderán acoller a estas axudas son Carlos Arévalo, Ana Peleteiro, Rodrigo Germade, Susana Rodríguez, Enmanuel Reyes, Tamara Echegoyen, Iago López, Irene Blanco, Antonio Serrat, Laura Martínez, Caetano Horta, Sara Álvarez, Roi Rodríguez, María de Valdés, José Cuba, Tania Fernández, Manuel Antonio Campos, Saleta Fernández, Sergio Vallejo, Noelia Lalín, Patricia Suárez, Pablo Dapena, Melania Rodríguez e David Arcay, entre outros.

Imaxes relacionadas