O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou esta tarde na inauguración da XXX Feira do Viño do Rosal

A Xunta pon de relevo que a futura Lei da calidade alimentaria servirá para enxalzar produtos como o viño do Rosal, pertencente á denominación de orixe Rías Baixas

José Luis Cabarcos puxo en valor a paixón e o traballo que levan a cabo diariamente os viticultores, que son os verdadeiros protagonistas da calidade destes viños

Lembrou que a Xunta está a implementar a Estratexia de dinamización do sector e a Lei de recuperación da terra agraria para aumentar a superficie de viñedo adherida a selos de calidade

O Rosal (Pontevedra), 7 de outubro de 2022 O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta tarde na inauguración da XXX Feira do Viño do Rosal. Alí destacou que a futura Lei da calidade alimentaria servirá para enxalzar produtos como o procedente desta subzona da denominación de orixe (DO) Rías Baixas, no marco dun sector cunha forte vocación exportadora e cunhas dimensións económica, territorial e turística excepcionais.

Na súa intervención, José Luis Cabarcos dixo que a norma que se está a tramitar busca ser unha panca na que se asentará a produción de proximidade, san, sustentable e de calidade que sempre identifica Galicia. Dentro desa produción situou a que xorde das máis de 4.000 hectáreas da DO Rías Baixas, dando lugar a preto de 44 millóns de quilogramos de uva cun valor económico estimado que supera os 180 millóns de euros anuais.

Afondando no sector do viño, o director apostou por recuperar as variedades autóctonas e as zonas históricas de viñedo para avanzar na liña da diferenciación e da calidade, así como polo crecemento ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, en particular, implementando polígonos de viñedo. Tamén se referiu á Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas, co fin de manter os estándares de calidade, impulsar a internacionalización e innovar para afrontar retos como a remuda xeracional e o cambio climático.

Feira do Viño do Rosal

A trixésima edición da Feira do Viño do Rosal arranca hoxe e mañá terá lugar a apertura das casetas, poñendo a disposición dos visitantes deica o domingo o produto das nove adegas participantes.

O Rosal é unha das cinco subzonas da denominación de orixe Rías Baixas, xunto coas de Val do Salnés, Condado do Tea, Soutomaior e Ribeira do Ulla, estendidas todas elas pola provincia de Pontevedra e o sur da da Coruña

Imaxes relacionadas