A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca

A Xunta mantén a situación de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa ao manterse os baixos niveis dos ríos e dos encoros

No ano hidrolóxico que rematou o pasado 30 de setembro rexistrouse case un 45% menos de precipitacións que a media dos últimos 10 anos
 

Continúan as medidas equivalentes a un escenario de alerta por escaseza de auga nos sistemas de Baiona e Zamáns, cuxos encoros presentan os valores máis baixos dos últimos 10 anos
 

O encoro de Cecebre está actualmente ao 43% de ocupación, un 21% inferior ao promedio, pero este sistema aínda non presenta indicadores de alerta
 

Mantense a prealerta por escaseza nos sistemas do río Lérez e ría de Pontevedra; no río Tambre e ría de Muros e Noia; na bacía do río Grande; na conca do río Anllóns; e no río Mero, Arteixo e ría da Coruña
 

Os caudais dos ríos atópanse un 30% por debaixo da media dos últimos dez anos e os encoros están ao 57,28 %, un 14 % inferior á ocupación do mesmo período en 2021
 

As chuvias das últimas semanas contribuíron ao non empeoramento da situación, pero non foron suficientes para saír do estado de seca prolongada
 

A Xunta chama ao consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios, e incide na adopción de medidas por parte dos Concellos, como responsables do abastecemento

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2022

A Oficina Técnica da Seca acorda manter a situación de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa ante os baixos niveis dos ríos e dos encoros.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, na que participaron tamén representantes dos departamentos de Protección Civil, Meteogalicia e da Consellería do Medio Rural.

 

Dado que o 1 de outubro comezou o novo ano hidrolóxico, que se contabiliza ata o 30 setembro do próximo exercicio, na reuión realizouse un balance das aportacións hídricas na bacía Galicia-Costa no período 2021-2022, habendo moitos menos recursos hídricos que outros anos, un 44,77% menos que o promedio histórico, sendo o segundo peor dato nos últimos 12 anos.

 

Sobre a base da análise dos indicadores particularizados, a Oficina acordou manter para os subsistemas de Baiona e Zamáns as medidas equivalentes a un escenario de alerta por escaseza de auga. Cómpre lembrar que estes sistemas abastecen aos concellos de Nigrán, Baiona e parte do de Vigo.

 

Na reunión analizáronse de forma detallada todos os encoros, resultando que os de Baíña e Zamáns presentan rexistros de ocupación mínimos dos últimos 10 anos. Así, Baíña atópase ao 32%, un 22% inferior ao promedio hístorico; e Zamáns, ao 38%, un 21% por debaixo.

 

Tamén se avaliou de forma pormenorizada a evolución do encoro de Cecebre, actualmente ao 43%, un 21% inferior ao promedio, pero este sistema aínda non presenta indicadores de alerta como no caso dos anteriores.

 

A Oficina tamén decidiu proseguir a situación de prealerta por escaseza de auga nas concas dos sistemas do río Verdugo, da ría de Vigo e da de Baiona, na costa de Pontevedra, no río Lérez e na ría de Pontevedra, no río Tambre e nas rías de Muros e Noia, no río Grande e na ría de Camariñas e a costa de A Coruña ata o límite de Arteixo, no río Anllóns e no Mero.

 

Análise hidrolóxica e meteorolóxica

As decisións tomadas nesta nova reunión da Oficina Técnica da Seca son froito da análise exhaustiva da situación dos caudais dos ríos, da ocupación dos encoros e da meteoroloxía.

 

No que se refire a os caudais circulantes, constatouse que continúan en valores inferiores aos habituais para esta época do ano, un 32% con respecto aos rexistrados nos últimos dez anos.

 

A ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa é do 57,28 %, fronte a un promedio do 71,09 %, un 14 % inferior á ocupación do mesmo período para o ano 2021.

 

En relación á situación meteorolóxica, as precipitacións globais en Galicia durante setembro acadaron valores normais con respecto aos rexistros históricos para ese mes. Con todo, a chuvia acumulada na zona oeste foi superior á do interior da provincia de Lugo ou Ourense.

 

Estas chuvias ocasionaron unha lixeira melloría na maior parte dos sistemas de explotación da demarcación, que permitiron que a situación non empeorara. Non obstante, non se acadaron cambios de estado nos sistemas, mantendo a situación en cada un deles, polo que deben continuar as medidas adoptadas ata agora.

 

Consumo responsable da auga

A Xunta reitera o chamamento ao consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios, para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico.

 

Cómpre que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos da auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.

 

O Goberno galego fai fincapé na importancia de sumar de esforzos por parte dos cidadáns e das administracións, activando medidas como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou reutilizar esa auga para outros usos, entre outras.

Imaxes relacionadas