Os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e de Defensa do Monte responderon hoxe na Comisión 7ª do Parlamento a diversas preguntas

A Xunta sinala que recibiu preto de 2.500 solicitudes para recibir os adiantos das axudas da PAC 2022 e da carne, ademais das de capital circulante

José Balseiros indicou que ese nivel e solicitudes supoñen un volume de préstamos solicitados de 26,29 millóns de euros
 

Manuel Rodríguez fixo balance das actuacións levadas a cabo no Barbanza tras o incendio rexistrado en agosto en Boiro

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, deu conta no Parlamento das solicitudes recibidas para os adiantos de diversas axudas agropecuarias, concretamente foron 2.440 solicitudes, das cales 2.347 foron para o adianto das achegas da PAC e das achegas para o sector da carne. O resto (93) foron de capital circulante para facilitar o crédito ás explotacións de vacún. Neste senso, indicou que estas 2.440 solicitudes supoñen un volume de préstamos solicitados de 26,29 millóns de euros.

 

O director xeral aclarou que son datos provisionais, xa que aínda se está traballando na tramitación administrativa da axuda de capital circulante. En calquera caso, destacou que o aproveitamento do potencial en préstamos destas tres ordes de axudas pódese estimar nun 13%.

 

Así mesmo, Balseiros lembrou que a Consellería do Medio Rural sacou o pasado mes de maio a orde de axudas para o adianto dos pagamentos da PAC 2022 a través das entidades financeiras, dotada de 3,4 millóns de euros. Esta orde permitía adiantar ditos anticipos antes da data legal permitida, establecida no 15 de outubro.

 

Ademais, no mes de xuño, a Consellería fixo unha convocatoria específica para facilitar o crédito ás explotacións de vacún en condicións moi favorables, dotada de 5 millóns de euros e cunha capacidade de xerar uns 25 millóns de euros en préstamos. Por último, en xullo levouse a cabo unha modificación da orde de adianto das axudas da PAC para permitir tamén adiantar axudas para o sector cárnico -dotadas cun orzamento de 17 millóns de euros- en forma de préstamo.

 

Con todo, o director xeral indicou que a Consellería do Medio Rural conta con numerosas axudas ordinarias de apoio ás explotacións agropecuarias, ademais das axudas propias da solicitude única da PAC (que inclúe axudas directas e de desenvolvemento rural), que só para o ano 2021 ascenderon a máis de 68,5 millóns de euros.

 

Operativo de incendios no lume do Barbanza

Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, fixo balance das actuacións levadas a cabo no Barbanza tras o incendio rexistrado en agosto en Boiro. Así, indicou que o operativo antiincendios despregado na zona eses días foi acorde á gran magnitude do incendio forestal. Así, entre medios humanos e materiais, o dispositivo supuxo que o custo de extinción ascendera a algo máis do millón de euros.

 

Así mesmo, Manuel Rodríguez aclarou que, antes de que o lume se dese por extinguido, os técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán xa comezaran a avaliar os danos ocasionados e, unha semana despois, xa se levaran a cabo algúns dos traballos de reparación. Polo tanto, insistiu, atendéronse de forma inmediata as necesidades prioritarias tanto para as poboacións do entorno no relativo á seguridade das vivendas, abastecemento de auga e necesidades alimentarias do gando, como as relativas á infraestruturas, fundamentalmente na rede viaria. Ademais, tras as fortes precipitacións rexistradas en días posteriores ao lume, os técnicos de Lourizán fixeron unha segunda revisión do lugar afectado, descartando posibles arrastres de cinsas.

 

Durante a súa intervención, o director xeral deixou claro que dende o primeiro momento se tiveron reunións cos concellos afectados, coas comunidades de montes e gandeiros da zona para analizar os danos e as medidas suxeridas. De feito, insistiu, arranxáronse diversas conducións de auga que abastecen algunhas aldeas, achegáronse máis dun cento de pacas de palla para alimento suplementario de gando de Boiro, A Pobra e Ribeira por falta de pastos verdes, reparáronse uns 4.000 metros lineais de peches gandeiros e acondicionáronse preto de 47 quilómetros de cunetas e pistas forestais.