A Xunta presenta en Murcia as iniciativas de impulso ao sector artesán e as vantaxes da marca Artesanía de Galicia

Cartaxena (Murcia), 7 de outubro de 2022  A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na I Xornada Artesanía, Deseño e Innovación que impulsa a Rexión de Murcia en Cartaxena ao longo do día de hoxe co obxectivo de reflexionar sobre a artesanía, o proceso de deseño e a busca dunha relación continuada entre ambas as dúas disciplinas.

 

Durante a súa intervención, Fabeiro falou sobre as diferentes iniciativas da Xunta para o impulso do sector artesán galego e para a consecución dunha artesanía innovadora e colaborativa, a través da formación dos profesionais, da promoción do produto artesán galego en novos mercados, da divulgación dos oficios artesanais e da marca Artesanía de Galicia, do fomento da innovación, do deseño e da creatividade como aposta de modernización do sector, así como do impulso á colaboración intra e intersectorial co obxectivo de favorecer espazos de encontro con diferentes axentes.

 

Neste sentido, e como exemplo de sinerxías entre artesanía e outras disciplinas, a xerente da Fundación explicou o proxecto de boas prácticas Enredadas, dirixido á diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas en colaboración coa Consellería do Mar, e mais o proxecto Artesanía no Prato que busca poñer en relación artesanía, deseño e gastronomía e fomentar o emprego de produtos da marca Artesanía de Galicia como soporte para a alta cociña.

 
Elena Fabeiro participou na mesa redonda dedicada ás estratexias nacionais e territoriais da artesanía que traballan na aplicación do deseño para impulsar a competividade das empresas e á xeración de emprego, e contou con representantes de diferentes territorios onde a artesanía é signo distintivo, como é o caso de Galicia. Ademais de Elena Fabeiro, participaron nesta mesa redonda responsables de Fundesarte, a área de promoción da artesanía da EOI Escuela de Organización Industrial, Centro Albayzín de Granada, a Comunidade Valenciana, e a New European Bauhaus.