A Xunta destina máis de 391.000 € a preto dunha decena de beneficiarios para mellorar os centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando

O DOG publica hoxe o anuncio coa resolución destas axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central

O obxectivo é apoiar a mellora dos centros de limpeza de vehículos de transporte de gando por estrada ou a construción de novas instalacións con esa finalidade, co gallo de evitar a transmisión de enfermidades

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se dá publicidade á resolución das axudas concedidas en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando. Así, contabilízanse un total de sete beneficiarios dun importe global superior aos 391.000 euros, todos para efectuar melloras en instalacións xa existentes. 

Cómpre lembrar que estas achegas procedentes de fondos Next Generation -no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno central- establecen que o investimento máximo subvencionable a cada beneficiario será de 100.000 euros, mentres a contía máxima posible de axuda se fixa en 70.000 euros en cada caso, isto é, o 70% do investimento.

O obxectivo é apoiar a mellora dos centros de limpeza de vehículos de transporte de gando por estrada ou a construción de novas instalacións con esa finalidade, co gallo de evitar a transmisión de enfermidades polo uso de vehículos sen limpeza axeitada. Nesa liña, cabe apuntar que moitos destes vehículos son empregados para o transporte de diversos tipos de gandarías, pertencentes a múltiples explotacións. Con estas achegas, pódense financiar solados, peches ou lectores de matrículas, entre outras actuacións.

Esta liña de axudas busca consolidarnos como a comunidade coa mellor situación sanitaria gandeira en relación ás enfermidades dentro dos programas oficiais de erradicación, incidindo -neste caso- na mellora dos centros de limpeza e desinfección dos vehículos de transporte de gando. Nese senso, cómpre destacar que Galicia vén de ser declarada a finais de 2021 rexión libre de tuberculose bovina. Tamén somos rexión libre de brucelose bovina, ovina e cabrúa.