A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta tarde os bolseiros desta residencia

A Xunta ofrece 60 prazas a mozos e mozas na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense

Ourense, 6 de outubro de 2022

A Xunta ofrece 60 prazas a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense dependente da Consellería de Política Social e Xuventude. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe as instalacións onde mantivo un encontro con algún dos mozos e mozas deste centro que reciben ademais unha bolsa para financiar a súa estadía.

Estas prazas están dirixidas dirixida a persoas mozas que por razóns de estudo ou traballo se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual. As prazas son en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza, por un máximo de 11 meses dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa. A adxudicación destas prazas así como as bolsas para financiar as estadías saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia.

No conxunto de Galicia, o Goberno galego ofertou 221 prazas en residencias xuvenís: 85 prazas correspóndense coa Residencia Altamar de Vigo, 76 co centro residencial lucense `LUG´ e 60 coa Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense. A convocatoria contempla a reserva dun 9% das prazas en cada unha destas instalacións para as mozas que sufran violencia de xénero e para mozas e mozos cuxas proxenitoras a sufrisen.

Na valoración das solicitudes tivéronse en conta aspectos como:  a antigüidade na residencia; a renda da unidade familiar; a situación de familia numerosa ou monoparental; as condicións de orfandade e discapacidade; a residencia, segundo sexa dentro ou fóra de Galicia; outras circunstancias sociofamiliares e, no caso de solicitantes mulleres, estar embarazadas e/ou ser vítimas de violencia de xénero.