A Xunta destaca que a certificación de minaría sostible a Minera de Rocas consolida Galicia como a comunidade con máis empresas certificadas

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Melón no acto de entrega

Melón (Ourense), 5 de outubro de 2022 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Melón no acto de entrega a Minera de Rocas do certificado de minería sostible. Na súa intervención destacou que, con esta, Galicia xa ten 10 empresas certificadas ou en proceso, o que a converterá na Comunidade Autónoma con máis compañías certificadas, o que amosa o carácter pioneiro da rexión.

 

O director xeral puxo en valor a aposta realizada por Minera de Rocas para avanzar cara a unha minería sostible adoptando o seu sistema de xestión e indicou que este debe ser o camiño a seguir. Neste sentido, lembrou que a Xunta, mediante un convenio coa Fundación Centro Tecnológico del Granito, está impulsando este tipo de actuacións.

 

Fernández Vila tamén se referiu ao compromiso da Xunta a través da futura Axenda da Minería Sostible, na que se contemplan actuacións destinadas aos recursos naturais desde o respecto ao medio ambiente. Novas medidas que se sumarán a outras iniciativas en marcha como a orde de axudas para o fomento da sostibilidade na actividade industrial do sector dos recursos naturais ou os apoios, lanzados este ano por primeira vez, para que as empresas mineiras realicen investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación dun sistema de xestión minaría sostible.