A Xunta destaca no Grove o papel do asociacionismo no impulso aos mercados e prazas de abastos

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaron hoxe na localidade pontevedresa o mercado municipal, cuxa asociación de profesionais colabora cada ano coa Administración autonómica na posta en marcha de diferentes actuacións e campañas

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación impulsa diferentes accións para reactivar o consumo, entre as que destaca a segunda edición dos Bonos Activa Comercio, que se porá en marcha proximamente
 

O Grove (Pontevedra), 6 de outubro de 2022 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, visitaron hoxe o mercado municipal do Grove, onde destacaron o papel do asociacionismo no impulso aos mercados e prazas de abastos. Neste sentido, a Asociación de profesionais desta praza de abastos colabora cada ano coa Administración autonómica na posta en marcha de diferentes actuacións e campañas, obtendo apoios por preto de 60.000 euros nos últimos cinco anos.

Neste ámbito, a Xunta puxo en marcha recentemente un novo programa de axudas para continuar impulsando a dinamización das prazas de abastos e a creación dunha rede de mercados excelentes nos municipios galegos. A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata hoxe, contempla axudas tanto para os concellos como para as asociacións e federacións de praceiros.

Ademais, desde a Administración autonómica impúlsanse diferentes accións para reactivar o consumo, entre as que destaca a segunda edición dos Bonos Activa Comercio, que se porá en marcha proximamente. Este programa impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras, fomentando deste xeito o consumo no comercio de proximidade. Os clientes poderán acceder a un bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos. Cun orzamento que alcanza os 5 millóns de euros, este programa da Xunta súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia económica, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector.

 

Imaxes relacionadas