O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria desta liña de subvencións

A Xunta abre mañá o prazo para que os Concellos se acollan á nova orde de axudas para a creación de prazas nas súas escolas infantís

Destínanse 34,8 millóns de euros para financiar a posta en marcha de máis de 3.400 prazas de 0 a 3 anos, un 11% máis das que existen na actualidade

As axudas abranguen a construción de novas escolas, a ampliación das xa existen-tes e a reforma ou rehabilitación de edificios para adaptalos aos usos propios dun centro educativo

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022

A Xunta de Galicia abre mañá, e durante un mes, o prazo para que os concellos soliciten acollerse á nova orde de axudas para a creación de prazas en escolas infantís de titularidade municipal. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os requisitos e trámites a seguir para beneficiarse destas subvencións ás que se destinan 34,8 millóns de euros e que teñen como obxectivo impulsar o número de prazas no primeiro ciclo de educación infantil. Esta convocatoria está financiada pola Unión Europea-NextGenerationEU.

A través deste programa, dirixido ás administracións locais, estímase que se porán en marcha arredor de 3400 novas prazas de 0 a 3 anos, un 11% máis das que existen na actualidade. Financiaranse aquelas prazas creadas desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 15 de setembro de 2024. Polo tanto, aqueles Concellos que desde comezos do ano pasado xa crearan novas prazas, e o xustifiquen, poden recibir financiamento.

En concreto, as axudas convocadas por medio desta orde abranguen as seguintes actuacións: a construción de novas escolas infantís; a ampliación das xa existentes para habilitar novas aulas ou a reforma e rehabilitación de edificios para adaptalos aos usos propios dun centro educativo para nenos de 0 a 3 anos. Os Concellos terán que presentar obrigatoriamente as súas solicitudes por medios electrónicos a través do formulario que teñen dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Gratuidade

Con esta orde, a Xunta dá resposta ás demandas dos Concellos que queren ampliar as prazas das súas escolas infantís e, ademais, ratifica a súa aposta por favorecer a conciliación das familias. Cómpre recordar que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma de España en implantar a educación infantil gratuíta para todos os fillos e en todas as escolas nunha xornada de oito horas. Esta medida permite aforrar ata 2.000 euros anuais por neno a máis de 30.000 familias.

Imaxes relacionadas