A Xunta expón a súa experiencia en compra pública de innovación a empresas do sector TIC de toda España

A xornada online, organizada por Ametic, presentou o caso galego como exemplo de boas prácticas en Compra Pública de Innovación
 

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, explicou as vantaxes deste instrumento no que o Goberno galego ten ampla experiencia e destacou, entre os proxectos máis relevantes, o Polo Aeroespacial de Galicia

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou esta mañá nun webinario con empresas do sector TIC asociadas en Ametic (Asociación de empresas da industria tecnolóxica dixital) que a Compra Pública de Innovación (CPI) é o mellor instrumento de apoio á I+D+i do que dispoñen as Administracións Públicas e o máis acaído aos intereses das empresas.

 

A directora da Axencia Galega de Innovación fixo estas declaracións no marco da xornada La Compra Pública Innovadora (CPI) como instrumento de colaboración público-privada: el caso gallego, na que se presentou a iniciativa desenvolvida en Galicia como exemplo de boas prácticas no uso deste instrumento de contratación pública. A Comunidade executou máis de 300 millóns de euros de fondos propios e europeos en proxectos de CPI nalgo máis dunha década.

 

Argerey subliñou entre as vantaxes deste instrumento que permite mellorar os servizos públicos mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores; fomentar a innovación empresarial desde a demanda; impulsar a internacionalización da innovación; e compartir os riscos e beneficios inherentes á innovación co tecido empresarial. Así mesmo, supón unha oportunidade moi valiosa para consolidar a cultura da innovación dentro da Administración pública.

 

Dentro dos proxectos executados por Galicia a través de CPI, a directora destacou o Polo Aeroespacial de Galicia, unha iniciativa estratéxica pioneira en Europa, liderada pola Xunta en colaboración con outras administracións, na que están a participar máis de 50 axentes entre empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento, para desenvolver unha industria e un ecosistema de coñecemento ao redor de solucións innovadoras baseadas nas tecnoloxías dos vehículos non tripulados.

 

Patricia Argerey puxo o Polo Aeroespacial de Galicia como exemplo de política de I+D+i que serve de panca á política industrial, en liña coa especialización e concentración de recursos en sectores de alta tecnoloxía recollidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, e empregando a Compra Pública de Innovación para maximizar o impacto dos fondos públicos.

Imaxes relacionadas