A Xunta apoia a mellora do local social da asociación veciñal de San Vicente de Graíces, na Peroxa

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o edificio ao que se destinaron máis de 14.000 euros para a mellora da accesibilidade e do equipamento, entre outras accións

A iniciativa enmárcase no Plan Específico de Acción Comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais


Neste ano recibiron axudas tres entidades da Peroxa, con achegas que suman máis de 43.000 euros
 

A Peroxa (Ourense), 6 de outubro de 2022  A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o local social da Asociación de Veciños de San Vicente de Graíces, na Peroxa, para coñecer as actuacións previstas ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais. A achega da Xunta ascende a máis de 14.000 euros que se destinarán a obras para mellorar o acondicionamento e o equipamento das instalacións, así como a accesibilidade.

O proxecto inclúe a supresión das barreiras arquitectónicas, coa construción dunha rampla de formigón e a instalación de varandas. Tamén se acondicionarán a cuberta do local, coa colocación de canlóns e baixantes de aluminio, e o seu interior, co pintado do teito, novas luminarias e o cambio das portas e ventás a prol da mellora térmica do local.

Segundo sinalou a directora xeral, a Asociación de Veciños de San Vicente de Graíces é unha das tres entidades veciñais beneficiarias este ano do Plan específico de acción comunitaria, impulsado pola Xunta para contribuír a satisfacer as necesidades e demandas destes colectivos a prol do benestar da veciñanza e da calidade de vida no eido local. Xunto a ela recibiron a axuda a Asociación de Veciños de Gulfariz, con preto de 17.000 euros que destinará á mellora do local social, e a Asociación de Veciños Xuntanza de Mirallos, que disporá de 12.000 euros para a construción de parladoiros ao aire libre.

A maiores, Natalia Prieto destacou que na parroquia de Graíces, o pasado ano, resultou beneficiaria a Asociación de Veciños O Castro, que recibiu máis de 15.500 euros para a mellora do seu local social con obras de reparación estrutural, nos paramentos interiores e teitos, e a prol da accesibilidade, así como coa dotación de equipamento.

A directora xeral referiuse ao importante labor que desenvolven as asociacións de veciños e de veciñas como as existentes na Peroxa, xa que fomentan actividades de lecer e de convivencia para distintas xeracións, e especialmente para persoas maiores que precisan dunhas instalacións confortables e accesibles. Nesta liña, salientou a liña de axudas da Xunta como unha aposta por este asociacionismo e traballo de dinamización veciñal.

Máis de 500.000 euros para entidades ourensás

A través do Plan específico de acción comunitaria, o Goberno galego inviste neste ano na provincia de Ourense máis de 500.000 euros para 37 entidades. Desta contía, 471.259 se destinaron a 31 asociacións de veciños, 36.000 a tres comunidades de usuarios de augas, e 25.000 a tres colectivos de mulleres rurais.

 

O orzamento global da iniciativa ascende en 2022 a tres millóns de euros, o máis elevado xunto co de 2016, cando comezou esta liña de subvencións. Neste período a Xunta leva investido no Plan 16 millóns de euros. A medida forma parte das diferentes accións de apoio ao eido local, nas que figuran tamén a Orde de infraestruturas de uso público e o Fondo de Compensación Ambiental, dirixidas aos concellos.

Imaxes relacionadas