A Xunta lanza unha nova edición do Bono Cultura, que mobilizará 2 M€ nos establecementos e entidades culturais de Galicia durante este outono

Resalta que o obxectivo é “botar unha man” ao sector e aos consumidores neste difícil contexto económico de suba de prezos

Destaca que é unha medida “para todos os galegos, teñan a idade que teñan” xa que non se fixa “unha idade máxima” para acceder aos bonos

Poranse en circulación 20.000 bonos para dar así continuidade ao programa de descontos do 50 % en compras ou na utilización de servizos culturais

As empresas poderán comezar a adherirse á campaña este mes de outubro e a partir do 2 de novembro os usuarios poderán descargar o vale en bonocultura.gal

A iniciativa, que conta cun investimento de 1M €, subvencionará produtos como libros, música en formato en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, entradas para museos, cines, concertos ou espectáculos escénicos, entre outras

Para facilitar a participación do maior número de entidades posible, mellóranse algúns requisitos e amplíase o teito de gasto que poden alcanzar
 

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022 .-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe tras a reunión semanal do Consello que o Goberno galego porá en marcha este outono unha nova edición do Bono Cultura, o programa de descontos do 50 % na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, para o que se emitirán 20.000 bonos. A nova edición amplía os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos. “Se na primeira edición o obxectivo foi volver a reactivar o consumo nos comercios de proximidade tras a pandemia, agora cómpre botar unha man ao sector e os consumidores nesta nova crise de suba de prezos”, indicou Rueda.

 

O titular do Executivo autonómico resaltou que este bono é unha medida “para todos os galegos, teñan a idade que teñan”. Rueda destacou que, fronte ao que fan outras Administracións que lanzan medidas dirixidas a colectivos específicos, a Xunta aposta “non fixa unha idade máxima” para acceder a estes bonos.

 

Como se informou hoxe no Consello da Xunta, a nova edición de Bono Cultura botará a andar este mesmo mes de outubro coa apertura do período de adhesión das empresas. A continuación, a partir do 2 de novembro, os usuarios poderán solicitar os bonos e comezar a gozar dos descontos ata o 31 de decembro. A campaña reeditará as condicións do ano pasado con algunhas novidades. Así, inclúense novas epígrafes nas bases para a participación das empresas. É o caso das dadas de alta na venda por menor de discos, así como o comercio de instrumentos musicais, que poderán participar sempre e cando comercialicen algún dos produtos e servizos obxecto da convocatoria. Tamén se amplía o teito de gasto que cada establecemento pode ter ao abeiro desta campaña, ata os 30.000 euros (fronte aos 20.000 euros que inicialmente se fixaron na edición anterior).


O orzamento total do Bono Cultura 2022 é de 1M € coa intención de mobilizar 2M € e que se beneficien 20.000 persoas. Os bonos terán un valor de 50 € por usuario para gastar nos distintos establecementos que se adhiran. As compras terán un desconto do 50 % ata esgotar o crédito. Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían con respecto á edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo...), salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

 

Para calquera persoa maior de idade

A campaña arrancará en outubro para os establecementos. As empresas interesadas disporán dun mes para inscribirse no programa desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), que se concretará nos próximos días. A adhesión activarase nese momento a través da páxina web www.bonocultura.gal.

 

Poderán formar parte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais en Galicia, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural como salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións..., así como museos casas-museo ou asimilados tanto de titularidade pública como privada e asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais. Deberán estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do imposto sobre actividades económicas (IAE) recollidos na orde da convocatoria que se publicará no DOG. Unha vez adheridos estarán identificados co selo distintivo.

 
 

Dinamización das compras

No caso dos usuarios, a campaña comeza o 2 de novembro. Poderá facerse co bono calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a partir desa data a través da web www.bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR. O importe de cada compra reducirase nun 50 % ata esgotar o saldo do bono. O período de validez dos bonos será ata o 31 de decembro.

 

O ano pasado a iniciativa conseguiu animar a actividade cultural do outono galego, cun balance final dun total de 68.562 operacións, a mobilización de máis de 2M € ao longo de dous meses en marcha e a participación de 560 negocios culturais adheridos.

 

Imaxes relacionadas