A Xunta leva concedidas este ano 531 axudas do bono social eléctrico en Lugo, que suman 197.400 €

A achega está dirixida aos consumidores máis vulnerables para evitar cortes de subministración eléctrica

Lugo, 6 de outubro de 2022

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación concedeu no que vai de ano 531 axudas do bono social eléctrico na provincia de Lugo, que suman unha contía de 197.400 euros.

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou que as achegas están dirixidas aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social. A Xunta destina 1,9 millóns de euros ao programa, orzamento que ampliaría no caso de ser necesario.

 

Esta medida complementa o bono social do Estado para evitar os cortes de subministración eléctrica nos fogares galegos con máis dificultades. En concreto, os destinatarios son persoas residentes en Galicia beneficiarios do bono social estatal que estean en risco de exclusión social. A Consellería atende todas as solicitudes que cumpren os requisitos, asumindo o 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual ata un máximo anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas-.

 

As familias con máis dificultades que se beneficien deste programa de apoios terán garantido o acceso continuado á subministración nos fogares, dando resposta a unha necesidade básica dos cidadáns, pois non se lles poderá cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta axuda.

 

Unha vez comprobada a solicitude e resolto o expediente, a Xunta realiza o pagamento da axuda directamente aos comercializadores de referencia cos que ten asinado un protocolo de colaboración.

Imaxes relacionadas