A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade abordou esta tarde no Parlamento esta intervención na que a Xunta investirá 5 M€

Ethel Vázquez destaca que a solución definida para reconstruír o treito afundido da Estrada do Courel é idónea desde o punto de vista técnico, ambiental e funcional

Vázquez Mourelle sinala que a actuación consiste na execución a media ladeira dun treito de 840 metros de novo trazado na LU-651, a unha cota intermedia entre a traza orixinal, salvando a zona do derrubamento cunha pendente máxima do 8%

Apunta o obxectivo de rematar o proxecto construtivo no 1º semestre do vindeiro ano para poder, a continuación, licitar as obras e executalas

Indica que esta opción permite intervir co máximo coidado ambiental e garantir a seguridade, pois ao discorrer pola parte intermedia da ladeira, evita a zona do colapso e elimina os riscos asociados á presenza de posibles oquedades ou cámaras
 

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destaca que a solución definitiva para reconstruír o treito afundido da estrada do Courel é idónea desde o punto de vista técnico, ambiental e funcional.

Vázquez Mourelle abordou hoxe no Parlamento esta intervención que suporá un investimento da Xunta que ascende a 5 millóns de euros.

Explicou que se prevé a contratación inmediata da redacción do proxecto construtivo, para que estea listo no primeiro semestre do vindeiro ano e poder, a continuación, licitar as obras.

Indicou que alternativa elixida, froito do estudo exhaustivo de cinco opcións, é un novo trazado de 840 metros de lonxitude que irá a unha cota intermedia entre a traza por onde transcorría antes a estrada e onde coroa.

Sinalou que isto permitirá salvar a zona na que se produciu o derrubamento e que a pendente máxima non supere o 8%, para garantir así a circulación de camións e autobuses incluso co tempo adverso do inverno.

Apuntou que o obxectivo desta opción é garantir a seguridade, pois ao discorrer pola parte intermedia da ladeira, evita a zona principal onde se produciu o colapso, o que elimina os riscos asociados á presenza de posibles oquedades ou cámaras que puideran favorecer afundimentos posteriores.

A solución elixida tamén permite reconstruír a estrada co máximo coidado ambiental, evitando a afección á Rede Natura predominante na zona.

Puxo en valor o traballo intenso da Xunta desde que se produciu o desprendemento da ladeira no mes de marzo nesta estrada. Así, desde o primeiro día apuntáronse as posibles causas, derivadas da actividade da canteira; definiuse un desvío provisional que se executou cun investimento de máis de 1 M€, e púxose servizo en pouco máis de dous meses.

En paralelo a esta actuación, recordou que a Xunta vén de comezar a 1ª fase das obras de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane, para a ampliación nun treito de 3,5 km. De acordo co Concello de Folgoso, decidiuse non iniciar esta obra ata que estivo executado e en servizo o acceso provisional para minimizar as afeccións á mobilidade dos veciños.

Transparencia, diálogo e axilidade

Ethel Vázquez subliñou a transparencia, o diálogo e a axilidade coas que veu traballando a Xunta ante o ocorrido na estrada de Folgoso, xa que se actuou en concordancia coa gravidade do problema e sen escatimar esforzos técnicos nin económicos.

Lamentou que o Goberno central non seguise o mesmo procedemento no caso do colapso do viaduto do Castro, que continúa provocando inseguridade, malestar e unha enorme preocupación entre os veciños de Pedrafita e entre os transportistas que ven cada vez máis complicado o seu labor cotián no acceso a Galicia.