O conselleiro do Medio Rural reuniuse coa consejera de Desarrollo Rural y Medio Ambiente e co director do Servicio Forestal y Cinegético do Goberno da Comunidade Foral

Galicia e Navarra comparten experiencias en relación coa recuperación do territorio rural e coa xestión forestal

Por parte galega tamén participaron na xuntanza o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o director da Axencia Galega da Industria Forestal

Os representantes da Xunta puxeron en valor iniciativas impulsadas pola nosa comunidade, como a Lei de recuperación da terra agraria ou o Plan Forestal, que enmarcan boa parte das políticas do Goberno galego a prol do rural

José González destacou que a Lei de recuperación, por medio dos instrumentos que a compoñen, fomenta -entre outros obxectivos- unha xestión agrupada e sustentable dos montes, coa fin de recuperalos e poñelos en valor

Salientou as políticas recollidas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 que, cun orzamento público-privado de 4.900 millóns de euros, avanza cara a un desenvolvemento sustentable, xerando emprego e economía verde baixa en carbono

Por parte navarra, os representantes do Executivo Foral explicaron a súa experiencia en relación cos distintos sistemas de silvopastoreo no monte, así como sobre os aproveitamentos forestais en espazos naturais protexidos
 

Pamplona (Navarra), 5 de outubro de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, reuniuse coa consejera de Desarrollo Rural y Medio Ambiente, Itziar Gómez, e co director do Servicio Forestal y Cinegético do Goberno de Navarra, José Fermín Olabe. Durante a xuntanza, os representantes do Goberno galego e navarro compartiron experiencias con respecto á recuperación do territorio rural e a xestión forestal.

Neste sentido, o titular de Medio Rural de Galicia trasladoulles ás autoridades navarras as vantaxes que proporciona a Lei de recuperación da terra agraria, que persegue, entre outros obxectivos, fomentar unha xestión agrupada e sustentable dos montes, coa fin de recuperalos e poñelos en valor.

Instrumentos da Lei de recuperación

Así, José González explicou que por medio dos instrumentos que compoñen a devandita lei -tales como as agrupacións de xestión conxunta, as aldeas modelo e os polígonos agroforestais- é posible unha planificación preventiva, creando devasas naturais que non só axudan na loita contra os incendios forestais, senón que tamén contribúen decisivamente contra o abandono do rural. Así o certifican, salientou, as 21 aldeas modelo que xa están en marcha actualmente en Galicia e os outros tantos polígonos agroforestais que se atopan agora mesmo en distintas fases de execución.

Nesta mesma liña, o conselleiro avanzou que os vindeiros meses van ser claves para dar un impulso especial ás devanditas agrupacións forestais de xestión conxunta, tras os avances rexistrados nos outros dous instrumentos -as aldeas modelo e os polígonos agroforestais-, que se seguirán fomentando.

Así mesmo, González destacou as políticas recollidas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 que, cun orzamento público-privado de 4.900 millóns de euros, avanza cara a un desenvolvemento sustentable, xerando emprego e economía verde baixa en carbono, acadando os compromisos de transición verde, biodiversidade, neutralidade climática e consumo responsable.

Experiencia navarra

Na reunión de traballo tamén se abordaron os distintos sistemas de silvopastoreo no monte que se empregan en Navarra, así como a experiencia da Comunidade Foral nos aproveitamentos forestais en espazos naturais protexidos, que foi trasladada polos seus responsables políticos.

No ámbito dos aproveitamentos forestais, Navarra expuxo a xestión forestal activa que realiza nos seus montes, no marco da co-gobernanza coas entidades locais. Neste sentido, Navarra, con mais dun 60 % do seu territorio con proxectos de ordenación, leva a cabo aproveitamentos forestais nos seus montes, tamén naqueles incluídos en Rede Natura 2000, xa que a planificación forestal asegura a conservación das especies e hábitats. Os estándares navarros en canto á planificación forestal son posibles grazas á existencia non só de plans a nivel de monte senón de plans superiores a nivel comarcal.

No ámbito da gandaría extensiva, Navarra trasladou que se elaborou un plan específico en relación a esta cuestión, promovendo a gandería extensiva non só a través das axudas e investimentos xa existentes senón tamén estudando novas liñas de axudas e mediante a investigación en áreas como os cercados virtuais.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural