A Xunta aposta por reforzar a actividade industrial galega impulsando a súa transformación

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou esta mañá nunha xornada sobre economía circular organizada por Comisións Obreiras

Teo (A Coruña), 5 de outubro de 2022

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou esta mañá nunha xornada sobre economía circular organizada por Comisións Obreiras, onde trasladou o compromiso da Xunta por reforzar a actividade industrial en Galicia impulsando a súa transformación para facer fronte aos retos actuais.

 

Así, Galicia ten e traballa en instrumentos que permitan planificar e apoiar esta transformación, como son a Axenda Enerxética de Galicia, que se basea nun modelo sostible e un novo mix enerxético; a Estratexia Galega da Economía Circular que se centra na devolución dos recursos ao sistema produtivo; ou a futura axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia, co reto de maximizar o aproveitamento dos recursos naturais de xeito sostible.

 

Paula Uría tamén lembrou que desde o Goberno galego estanse a desenvolver ferramentas de apoio para a implantación e consolidación de novas propostas empresariais na Comunidade. É o caso dos proxectos industriais estratéxicos -xa se declarou un- ou das 16 iniciativas empresariais prioritarias que se están tramitando.