O proxecto da plataforma experimental da eólica mariña permitirá analizar a viabilidade técnica e a compatibilidade medioambiental desta tecnoloxía

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou hoxe en Santiago de Compostela na IX Xornada Eólica en Galicia

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá no acto de apertura da IX Xornada Eólica en Galicia, organizada polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluegal) en Santiago de Compostela.

 

Na súa intervención, o director xeral destacou a capacidade de xeración eólica onshore de Galicia -sendo a terceira Comunidade de España- e o potencial da tecnoloxía offshore. Neste sentido, explicou que o proxecto para instalar unha plataforma experimental a 10 quilómetros de Punta Langosteira, no porto exterior coruñés, suporá unha oportunidade para que os promotores comproben a viabilidade técnica dos diferentes prototipos, así como para testar a súa compatibilidade co medio ambiente e os sectores implicados.

 

Así, incidiu en que a premisa é o respecto cara ás actividades que xa se desenvolven no eido mariño así como a preservación do ecosistema, polo que tamén se realizarán estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade.

 

O director explicou que o seguinte paso para que esta plataforma sexa unha realidade é que a Xunta, a Autoridade Portuaria da Coruña e Rede Eléctrica Española inicien a súa tramitación administrativa e comezar os traballos técnicos necesarios. Por outra banda, e para o desenvolvemento futuro do sector, tamén lembrou a necesidade de que o Goberno central aprobe, canto antes, os Plans de ordenación da eólica mariña.

Imaxes relacionadas