O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá os dous centros que pertencen á rede pública autonómica

A Xunta destina preto de 190.000 euros á mellora das escolas infantís Sagrado Corazón e Paradai de Lugo

Na escola infantil Sagrado Corazón reconfigurarase a zona de xogos, para o que se destinarán preto de 70.000 euros


Pola súa parte, no centro Paradai substituirase a cuberta por un investimento de 120.000 euros o que tamén permitirá mellorar a atención deste servizo


Lembra o compromiso do Goberno galego coa etapa 0 a 3 anos a través da gratuidade de todas as escolas infantís que beneficiará a máis de 30.000 familias galegas
 

Lugo, 4 de outubro de 2022 A Xunta destinará preto de 190.000 euros á mellora e acondicionamento das escolas infantís Sagrado Corazón e Paradai, situadas na cidade de Lugo e que pertencen á rede pública autonómica. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá estes dous centros onde anunciou este investimento, que permitirá ofrecer unha mellor atención aos nenos usuarios destas escolas e ás súas familias.

 

O Goberno galego fará unha reconfiguración da zona de xogos na escola infantil Sagrado Corazón. En concreto, definirase unha nova superficie rectangular perpendicular ao edificio, o que tamén permitirá ampliar a zona de acceso á escola infantil. A esta actuación destinarase unha contía de 70.000 euros. Pola súa parte, na escola infantil pública autonómica de Paradai, substituirase a cuberta do centro, o que suporá un investimento de 120.000 euros. Ambas actuacións están cofinanciadas entre a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

 

O director xeral puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia pola etapa educativa de 0 a 3 anos. Neste sentido, destacou que ademais de mellorar o acondicionamento das instalacións da rede pública autonómica, Galicia converteuse este curso nun referente a nivel nacional pola implantación da gratuidade de todas as escolas infantís da Comunidade. Esta medida está a beneficiar a máis de 30.000 familias que aforrarán este ano entre 1500 e 2000 euros.

 

Apoio ás familias

Así mesmo, o apoio do Goberno autonómico ás familias tamén se traduce noutras axudas como a Tarxeta Benvida, que ofrece un alivio económico para a compra de produtos básicos tras o nacemento dun fillo. Desde a súa posta en marcha no ano 2016 ten beneficiado a preto de 80.000 familias galegas. Así mesmo, outro apoio importante é o Bono Coidado que o pasado ano permitiu que 1000 fogares fixeran fronte aos gastos dun servizo de conciliación.

 

Imaxes relacionadas