O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu á inauguración de Iberflora 2022

A Xunta apoia ao sector da produción de planta en Galicia durante a celebración da 51ª edición de Iberflora

No evento, que é referente entre as feiras de xardinaría, participan ata nove empresas e asociacións galegas do sector

 

A produción de planta en Galicia, que conta cun total de 312 produtores e 1.500 postos de traballo directos, factura anualmente uns 46 millóns de euros
 

Valencia, 4 de outubro de 2022 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu en Valencia á inauguración da 51ª edición de Iberflora, onde deu apoio ao sector de produción de planta en Galicia. No evento, que é referente entre as feiras de xardinaría, participan ata nove empresas e asociacións galegas do sector.

 

Neste senso, Galicia, cun total de 312 produtores do sector -segundo datos do rexistro de produtores do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación- é a autonomía que máis exporta a nivel nacional, chegando a facturar uns 46 millóns de euros ao ano, con datos do 2019. Así, os principais mercados internacionais da nosa comunidade son Francia, Alemania, Reino Unido e Portugal. Ademais, Galicia é, con diferencia, a maior produtora de camelia a nivel europeo, aínda que tamén se encontra entre as maiores produtoras a nivel nacional de hortensia, rododendro, azalea, abelia, acevo ou coníferas de peche. Todo isto tradúcese nuns 1.500 postos de traballo directos, sendo, aproximadamente, máis dun 85% de mulleres do rural.

 
Sobre Iberflora

Iberflora é o gran evento profesional do sector verde en Europa e é referente entre as feiras de xardinaría. Este ofrece a maior oferta comercial e formativa dentro do negocio da planta, a flor, o paisaxismo, a xardinaría, a tecnoloxía e o bricoxardín do calendario profesional do sector.

 

Nel participan todo tipo de empresas que operan nos sectores de planta, coidado do xardín, utensilios e ferramentas, decoración e mobiliario exterior, floraría, maquinaria e instalacións.

 

Durante o evento, os asistentes poderán desfrutar de diversas actividades, como charlas formativas, xornadas técnicas profesionais, demostracións de produtos e diferentes concursos dos distintos sectores verdes e de exhibicións, entre outros.

Imaxes relacionadas