A Xunta participa na presentación do Bicapawn Xacobeo Chess, o primeiro festival deste tipo que se celebra en Galicia

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na presentación do “Bicapawn Xacobeo Chess Festival”, un encontro internacional de xadrez que aúna a alta competición co espectáculo e o lecer e que conta co apoio de Turismo de Galicia a través da programación do Xacobeo. Terá lugar entre os vindeiros días 19 e 22 de outubro no Museo Gaiás.

 

Nava Castro indicou que o Gaiás acollerá o Grand Prix no que se espera unha participación de arredor dos 250 participantes de diferentes países, entre eles grandes mestres internacionais, con cinco torneos abertos e moi dinámicos que sumarán centos de partidas. O acceso será libre e gratuíto, coa oportunidade de ver en directo a grandes mestres internacionais en partidas rápidas.

 

Cabe destacar a singularidade dun evento que non só concentrará en Compostela a grandes nomes da elite internacional do xadrez, senón que tamén apostará por integrar á cidadanía, con especial fincapé no colectivo escolar, que poderá vivir unha experiencia única participando nun torneo infantil sobre un taboleiro xigante. Ten como obxectivo achegar ás novas xeracións un xogo ancestral en pleno auxe e aplicar o potencial do xadrez a valores que abranguen desde a aprendizaxe, a capacidade analítica, a visión estratéxica, o liderado, a concentración e a constancia.

 

Durante a súa presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou a conexión entre o xadrez e Galicia, recordando que grazas ao Camiño de Santiago, este xogo está presente na nosa Comunidade dende a idade media. Neste senso, destacou que esta actividade é unha aposta clara dende a Xunta de Galicia por facer deste Ano Santo un acontecemento internacional e de calidade, permitindo que gracias a elo, Galicia poida vivir unha experiencia única.

 

Gran seguimento en directo e virtual

As partidas disputaranse en taboleiros con pezas electrónicas e serán retransmitidas en directo e animadas polos grandes “streamers” do momento no ámbito do xadrez, como GM Pepe Cuenca ou IM David Martínez “Divis”. O torneo poderá seguirse a través das súas canles, con máis dun millón de visitas mensuais, ou de xeito presencial a través das pantallas que se instalarán no recinto do Gaiás.

 

Rei Enigma e o taboleiro reciclado máis grande do mundo

En paralelo ao Grand Prix celebraranse numerosas actividades, que abranguen desde as charlas divulgativas a cargo de destacadas figuras do xadrez ata o “MegaChess Kids”, un torneo infantil por equipos dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, de centros de primaria e clubes de xadrez de toda Galicia. As finais disputaranse nun taboleiro de 144 metros cadrados e pezas de ata 1,80 metros de altura, deseñado pola empresa Neusus Upcycling a partir de pneumáticos reciclados, nunha mostra de compromiso medioambiental e enfocado ao futuro.

 

Outra das actividades estrela do programa é a visita ao festival de Rei Enigma, o gran influencer do xadrez, con máis de 500.000 subscritores nas súas redes sociais. O xogador, que comezou a súa traxectoria no Parque do Retiro en Madrid e esconde a súa identidade tras unha máscara, ten participado xa en retos con grandes figuras deste deporte como Kasparov.

Imaxes relacionadas