O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións de IFFE Biotech no polígono industrial das Somozas

Conde resalta que a planta de Omega-3 que IFFE Biotech porá en marcha nas Somozas contribuirá a facer de Galicia un referente no sector

Agradece ao Grupo IFFE Futura a confianza que están depositando en Galicia implantándose nun concello e nunha comarca que necesitan iniciativa industrial cun proxecto de alto valor engadido

As Somozas (A Coruña), 7 de setembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a planta de produción de Omega-3 que IFFE-Biotech vai poñer en marcha nas Somozas contribuirá a facer de Galicia un referente no sector.

 

Nunha visita ás futuras instalacións no polígono das Somozas, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, Conde quixo agradecer ao Grupo IFFE Futura a confianza que están depositando en Galicia implantándose nun concello e nunha comarca que necesitan iniciativa industrial cun proxecto de alto valor engadido.

 

O vicepresidente económico apuntou que a previsión da empresa é que a planta entre en funcionamento o vindeiro ano, cun investimento de 18M€ e o obxectivo de crear ata 75 empregos, entre directos e indirectos. Será, ademais, engadiu, un importante activo para o porto de Ferrol, porque as 10.000 toneladas anuais de Omega-3 que esperan producir terán como destino o mercado europeo e norteamericano. Obteranse da valorización de subprodutos da industria pesqueira galega.

 

Segundo dixo, IFFE Biotech vén sumarse a unha ampla lista de empresas que en Galicia se dedican a sector biotecnolóxico e que fan da Comunidade a segunda máis bioemprendedora de España, con 4000 empregos directos desta industria. Entre elas, grandes multinacionais como Janssen e Lilly, Zendal, Lonza e, máis recentemente, Indukern. Nese sentido, Conde asegurou que a vontade da Xunta é que todo o investimento público destinado a facer de Galicia unha biorrexión en Europa —430M€ a través da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía— impulse moitas máis iniciativas neste sector.