Expertos nacionais do control público analizan como auditar de xeito eficaz á Administración nun curso superior organizado pola Xunta de Galicia

A Escola Galega de Administración Pública inaugurará mañá mércores o curso no que participarán, entre outros, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o conselleiro da Área Institucional do Consello de Contas de Galicia, Anxo Calvo Silvosa, e o interventor e auditor-director técnico en funcións do Consello de Contas de Galicia, Ulpiano Villanueva Rodríguez
 

Durante dous meses, importantes expertos a nivel nacional do ámbito do control interno e externo analizarán os instrumentos necesarios para desenvolver auditorías dun xeito eficaz no seo das administracións públicas
 

A ciberseguridade, os Fondos Europeos e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e a xestión e avaliación das políticas públicas son as áreas destacadas en materia de auditoría que se impartirán no curso

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022

A Escola Galega de Administración Pública inaugurará mañá mércores, na súa sede en Santiago, o curso superior Auditoría no sector público, no que participarán, entre outros, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o conselleiro da Área Institucional do Consello de Contas de Galicia, Anxo Calvo Silvosa, e o interventor e auditor-director técnico en funcións do Consello de Contas de Galicia, Ulpiano Villanueva Rodríguez.

 

Destacados expertos a nivel nacional do ámbito do control público externo e interno participarán durante dous meses neste curso superior, organizado pola Escola Galega de Administración Pública en colaboración co Consello de Contas de Galicia, e está enmarcado nas actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP).

 

Durante os meses de outubro e novembro, e cun total de 42 horas lectivas, analizarase todo o proceso dunha auditoría, desde a súa planificación e metodoloxía ata a execución do traballo e a elaboración dos informes, a difusión dos seus resultados e o seguimento das recomendacións. Así mesmo, preténdese ofrecer unha visión dos distintos tipos de auditorías e as especificidades da súa aplicación nas distintas áreas de xestión.

 

O curso superior está estruturado en nove sesións formativas, entre o 5 de outubro e o 30 de novembro, e conta coa asistencia de empregados/as públicos/as do Consello de Contas de Galicia e interventores das Administracións autonómica e local. Está dirixido a afondar no coñecemento dunha das principais técnicas de control da xestión pública e co obxectivo de lograr unha Administración máis eficaz e transparente.

 

A ciberseguridade, os Fondos Europeos e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e a xestión e avaliación das políticas públicas serán as áreas destacadas en materia de auditoría que se estudarán no curso, dirixido por Ulpiano Villanueva Rodríguez.

 

Tamén se tratatarán as auditorías de sistemas, de cumprimento das principais áreas de gasto e ingreso e o control de empresas públicas, fundacións e outras entidades instrumentais.

 

Tras o acto inaugural, que se celebrará ás 11.30 h., intervirá o auditor do Consello de Contas de Galicia, Eloy Morán Méndez, que falará sobre o control da xestión pública, concepto e clases de auditoría pública e normas técnicas.

 

Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)

O curso superior Auditoría no sector público encádrase no marco das actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP), que naceu o pasado ano ao amparo do convenio de colaboración entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a EGAP. Este Instituto, que funciona como unha sección dentro da EGAP, ten como finalidade promover a investigación e a formación permanente e avanzada dos empregados públicos en materias específicas da economía e as finanzas públicas.

 

Algúns dos ámbitos nos que se centra son o sistema de financiamento autonómico, a fiscalidade ou a simplificación administrativa, entre outros.

 

O seu funcionamiento baséase nun modelo de xestión áxil e encamiñado aos resultados e establece alianzas con outras administracións, organismos e institucións nacionais, internacionais, públicas ou privadas para a mellora do coñecemento e a investigación en materias relacionadas coa economía pública.