A Xunta declara a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Mandín-Feces de Abaixo-Feces da Cima en Verín

Dáse así un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que beneficia 670 propietarios e afecta a unha superficie total de 1.208 hectáreas


? Con esta zona serán un total de cinco os procesos de concentración parcelaria que se desenvolveron no concello de Verín, cunha superficie global de 2.014 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022 A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, vén de declarar a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de Mandín-Feces de Abaixo-Feces da Cima, no concello ourensán de Verín.

 

Así, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que afecta a unha superficie de 1.208 hectáreas distribuídas en 2.225 predios de substitución cunha superficie media por leira de 5.454 m², fronte aos 1.519 m² de superficie media das 7.954 parcelas iniciais. Esta mellora, que beneficia 670 propietarios, permítelles ás explotacións da zona reducir os seus custos de produción.

 

Tras esta firmeza do acordo, só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega dos títulos de propiedade.

 

Con esta zona serán un total de cinco os procesos de concentración parcelaria que se desenvolveron no concello de Verín, abranguendo unha superficie total de 2.014 hectáreas. Ao xa mencionado, súmase o proceso de Mourazos-Tamagos-Tamaguelos, a piques de rematar. Reordenouse tamén a propiedade en Tintores-Vilela, San Cibrao-Penelas e Cabreiroá.

 

Cabe engadir que o impulso ás reestruturacións parcelarias é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina só este ano un orzamento total de 12 millóns de euros.