Xunta e sindicatos pechan a oferta de 1.156 prazas do concurso de méritos, que se convocará este mes e se resolverá durante este curso académico

As persoas interesadas terán un prazo de quince días hábiles a partir do día seguinte da publicación da no Diario Oficial de Galicia para presentar a súa solicitude e méritos

As especialidades do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional deberán agardar o Ministerio desenvolva a nova lei de FP

Avánzase así na execución do proceso de ingreso e estabilización docente que ten en marcha a Xunta, con case 4.000 prazas

 

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022.-

A Xunta de Galicia e as organizacións sindicais que forman parte da mesa sectorial docente analizaron esta mañá a oferta de 1.156 prazas en 148 especialidades do concurso de méritos que convocará a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. A previsión é executar este proceso ao longo deste curso académico.

 

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, explicou que a convocatoria da meirande parte das prazas se publicará este mes no Diario Oficial de Galicia, mentres que as 147 prazas do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional deberán agardar o Ministerio de Educación publique a norma de desenvolvemento da nova lei de FP no relativo ao novo corpo que se crea (profesores especialistas en sectores singulares da FP) e ás especialidades do extinto corpo (suprimido pola nova lei de Educación) que se integran no corpo de profesores de ensino secundario.

 

Procedemento

As persoas interesadas terán un prazo de quince días hábiles computados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia para presentar as súas solicitudes. Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír e xustificar todos os requisitos xerais e específicos para cada corpo e especialidade que se inclúan na convocatoria

 

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, que se deberá cubrir na aplicación de oposicións do Portal Educativo. Así mesmo, deberá procederse o pagamento da taxa correspondente.

As persoas solicitantes deberán cubrir todos os campos habilitados na solicitude, incluíndo o autobaremo, no que deberá indicarse o número de anos e meses que alegue e a aplicación web calculará automaticamente a puntuación que se lle outorga. Así mesmo, indicaranse os méritos de formación (cursos), cuxa puntuación correspondente tamén calculará de xeito automático a aplicación.

 

No resto dos apartados será o persoal aspirante o que deberá cubrir a puntuación que lle corresponda segundo a nota media que posúa, o número e tipo de titulacións que acredite e as fases de oposición da mesma especialidade do corpo ao que opta superadas nun procedemento selectivo de ingreso a corpos da función pública docente desde o ano 2012.

A selección de docentes será realizada por unha comisión de selección que estará integrada por persoal funcionario da Consellería, que comprobará e baremará os méritos presentados e acreditados debidamente polas persoas aspirantes.

 

Formación complementaria

As persoas que obteñan praza de funcionario a través deste concurso de méritos deberán

realizar dúas actividades de formación complementaria. Por unha banda, un curso de formación en igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero para a obtención do nivel básico de coñecemento regulado no Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Por outra, un curso de formación de lingua de galega de 20 horas de duración, que consistirá nunha formación específica sobre a terminoloxía, os estilos, os aspectos sociolingüísticos e a linguaxe propia da especialidade que lles permita ao persoal funcionario desenvolver correctamente en galego as súas funcións e tarefas.

 

A convocatoria deste concurso de méritos dá resposta á obriga imposta polo Goberno central para acadar unha taxa de interinidade do 8%, cifra que Galicia xa ten e que contrasta coa media do 25% que se estima de media para o conxunto das comunidades autónomas. De feito, a previsión en Galicia é acadar unha interinidade do 6% ao remate do proceso que está a desenvolver a Xunta, que se compón de case 4.000 prazas entre as oposicións desenvolvidas durante o pasado verán, este concurso de méritos e o concurso-oposición polo sistema transitorio que se realizará no verán de 2023.

 

Imaxes relacionadas