Artesanía de Galicia participa na San Sebastián Gastronómika 2022 da man da chef Lucía Freitas

A chef Lucía Freitas presentou esta mañá na capital guipuscoana o seu proxecto “Amas da terra”, no que reivindica a importancia dos oficios que se atopan na base da alta cociña e para o que estivo acompañada por un grupo de 25 mulleres entre as que se atopaban tres profesionais da Artesanía de Galicia


A XXIV edición de Gastronómika 2022, que se celebra en San Sebastián ata o 5 de outubro, está dedicada á nova cociña do Reino Unido e á capacidade da gastronomía para unir culturas
 

San Sebastián, 3 de outubro de 2022 Artesanía de Galicia participa no programa de actividades da XXIV edición da San Sebastián Gastronómika 2022, da man da recoñecida chef Lucía Freitas (A Tafona e Lume, Santiago de Compostela), co seu relatorio “Vangarda Primaria” no que presentou o seu proxecto “Amas da terra”, no que reivindica a importancia de todos os oficios previos e imprescindibles para a alta cociña, representados fundamentalmente por mulleres. Durante a súa intervención estivo acompañada por un grupo de 25 profesionais entre as que se atopan produtoras/praceiras, redeiras, unha percebeira, agricultoras, gandeiras e cociñeiras do rural, así como a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) e as ceramistas Laura Delgado (Cambre) e Susana Anta (A Coruña).

 

A intervención da chef Lucía Freitas desta mañá contou coa colaboración da Xunta, como parte do seu proxecto Artesanía no Prato, iniciado no ano 2013 para fomentar a interrelación e as sinerxías entre gastronomía, deseño e Artesanía de Galicia e no que a chef do Grupo Nove colabora de maneira habitual.

 

Gastronomika 2022 é un dos eventos gastronómicos con maior relevancia, na que está previsto que participen 70 chefs ata o vindeiro mércores 5 de outubro. Esta 24 edición réndelle homenaxe á nova cociña do Reino Unido, co lema “United Kulinary”, en referencia tamén ás propostas gastronómicas que hai fóra da súa capital, así como á capacidade da gastronomía para unir culturas.