O FIOT de Carballo celebra o 30º aniversario de Mofa & Befa coa estrea de ‘Pirolíticos’, montaxe que conta co apoio da Xunta

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa no acto de presentación do espectáculo no marco da homenaxe que lle rende o festival carballés ao dúo cómico que integran Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira
 

Haberá dúas funcións da peza, producida con financiamento da Consellería de Cultura a través das subvencións á creación escénica
 

Carballo (A Coruña), 3 de outubro de 2022  O dúo Mofa & Befa celebra o seu 30º aniversario sobre as táboas cunha homenaxe a toda a súa traxectoria que se lle brinda desde o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. A programación especial arranca os días 7 e 8 de outubro coa estrea de Pirolíticos, o último proxecto desta formación cómica. O novo espectáculo de Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira contou con financiamento da Xunta de Galicia a través das subvencións á creación escénica.

 

Así o sinalou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación que tivo lugar no Pazo Cultura carballés, onde o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo referencia a esta liña de axudas, dotadas en 2022 con 800.000 euros e polas que se está a contribuír á posta en escena de 28 espectáculos de teatro, danza, circo e maxia.

 

Con dirección de Clara Gayo, quen asina a dramaturxia xunto con María Lado e Lucía Aldao, Pirolíticos preséntase como un manual para orientar ao público sobre as novas masculinidades, “un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, poñendo o foco no home que simpatiza coa teoría feminista e aspira a vivir en consonancia con ela, pero que ten que enfrontar unha cultura machista profundamente instalada”. Piti Sanz a cargo do son, Octavio Mas da escenografía e Marcelino de Santiago Kukas no deseño de escenografía son outros dos nomes que participan na proposta musical e visual da montaxe.

 

A homenaxe do FIOT a Mofa & Befa inclúe unha exposición que repasa os 30 anos de historia da compañía e que se poderá visitar ao longo de todo o mes no Pazo da Cultura.