A Xunta e o concello de Mugardos investigan o xacemento arqueolóxico de Noville

Vén de rematar o traballo de campo que busca achegar información relevante para planificar con maior eficacia futuros traballos neste espazo

O equipo de especialistas que traballou nunha superficie de 9.400 metros cadrados coa técnica do xeorradar e elaborará agora unha memoria técnica cos resultados

A actuación enmárcase no compromiso do Goberno galego por recuperar e poñer en valor o noso patrimonio máis antigo

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia e o concello de Mugardos investigan o xacemento de Noville co fin de obter información relevante que permita planificar con eficacia futuros traballos. Trátase dunha actuación impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en base á programación establecida no Plan Director de Noville, elaborado en 2020.

Así, durante sete días un equipo de especialistas trasladouse ata o xacemento para realizar unha prospección xeofísica coa finalidade de favorecer a caracterización e delimitación espacial do xacemento. En concreto, exploraron unha superficie aproximada de 9.400 metros cadrados coa técnica do xeorradar.

Este método non destrutivo consiste na medición desde a superficie das propiedades físico-químicos do subsolo mediante a emisión de pulsos electromagnéticos de alta frecuencia para crear un modelo dos diferentes materiais e estruturas presentes baixo o nivel do chan.

O proxecto completouse coa limpeza, previa á prospección, da vexetación presente na área de traballo. Unha vez concluído este traballo de campo, os especialistas elaboran agora dunha memoria técnica cos resultados do traballo.

Esta actuación enmárcase no compromiso do Goberno galego por recuperar e poñer en valor o noso patrimonio máis antigo actuando en diferentes xacementos, covas, castros e outros restos arqueolóxicos da nosa Comunidade.

O xacemento arqueolóxico de Noville, incluído no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, sitúase na marxe sur da ría de Ferrol e no concello de Mugardos. Trátase dun xacemento de época romana de gran relevancia, xa que as últimas intervencións permitiron coñecer de forma case íntegra a planta dun edificio que pertenceu á zona residencial dunha vila romana marítima datada nos séculos III-IV d.C.

 

Imaxes relacionadas