Román Rodríguez destaca que a ampliación do instituto Sanxillao avala a aposta da Xunta polo reforzo das ensinanzas de Formación Profesional

O Goberno galego vén de investir máis de 1,8M€ na dotación de novos espazos para dar servizo aos ciclos das familias de Hostalaría e turismo e de Industrias alimentarias “nas que o centro é un referente”, segundo lembra o conselleiro de Educación
 

O instituto conta así cun novo taller restaurante, obradoiros de panadaría e repostaría e zonas de elaboración de quentes e de fríos que se completan con equipamento específico como cociñas, fornos ou tren de lavado
 

Este curso reforza a oferta académica coa implantación do novo ciclo medio de Panadaría, repostaría e confeitaría e o superior de Guía, información e asistencia turísticas

Lugo, 3 de outubro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o instituto Sanxillao, en Lugo, onde o Goberno galego vén de acometer unha importante ampliación que supuxo un investimento de máis de 1,8M€.

 

Esta actuación que vén de rematar avala, en palabras do conselleiro, “a aposta da Xunta polas ensinanzas de Formación Profesional coa dotación de infraestruturas de calidade que dan cobertura á implantación de novos ciclos”. Non en balde, a ampliación foi deseñada precisamente para atender ao incremento de matrícula nos distintos títulos con que conta o centro e cuxa oferta acaba de reforzarse este curso coa implantación do o ciclo medio Panadaría, repostaría e confeitaría e o ciclo superior Guía, información e asistencia turísticas, ambos de nova implantación.

 

Ademais da obra en si, o titular de Educación explicou que os novos espazos levan aparellado a dotación de equipamento como cociñas, fornos ou trens de lavado, “que son fundamentais para que o Sanxillao se manteña como un referente nas ensinanzas profesionais do ámbito da hostalaría e das industrias alimentarias”.

 

Taller restaurante e obradoiros

As obras de ampliación -que supoñen uns 662 metros cadrados engadidos de superficie útil- consistiron na construción dun novo edificio conectado co xa existente  que alberga novos talleres e obradoiros para ciclos formativos. Así pois, neste espazo sitúase un taller restaurante (que ocupa case 170m²), obradoiros de panadaría e repostaría (preto de 140m²), zonas de elaboración de quentes e de fríos (que suman 163m²) e un office obradoiro de restauración.

 

O IES Sanxillao conta cuns 770 alumnos matriculados en ESO, Bacharelato e FP. Precisamente nesta última ensinanza conta cunha ampla oferta das familias de Hostalaría e turismo e de Industrias alimentarias.

Imaxes relacionadas