Xunta e Acadar poñen en marcha a campaña ‘Que farías ti?’ para visibilizar as violencias que sofren as mulleres con discapacidade e reclamar máis implicación social

? A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación desta iniciativa coa que colabora o departamento autonómico con 60.000 euros

? Trátase dun proxecto interactivo de visualización das violencias que padecen as mulleres con discapacidade, en especial as sexuais, a través de catro pezas nas que se mostran experiencias de usuarias de Acadar

? Lorenzana destaca que o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades e a nova Lei autonómica de igualdade impulsará actuacións fronte a discriminacións múltiples como as que sofren as mulleres con discapacidade

? Sinala que as mulleres, as persoas con discapacidade e as vítimas de violencia de xénero son colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta
 

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe en Santiago de Compostela a campaña Que farías ti? que promoven de xeito conxunto a Xunta e a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) co reto de visibilizar as violencias e problemáticas que experimentan as mulleres con discapacidade, en especial a violencia sexual, e de sensibilizar e reclamar máis implicación social na prevención da violencia.

A iniciativa, coa que colabora a Consellería con 60.000 euros, baséase en catro pezas audiovisuais que se nutren de experiencias de usuarias de Acadar. Son catro historias diferentes con guións que xorden de encontros e obradoiros con mulleres con discapacidade. Catro directoras, Noemí Chantada, Lucía Vilela, Mar Catarina e Xiana do Teixeiro levaron a cabo os vídeos nos que non só hai que ver, ler ou escoitar, tamén participar activamente para que a historia continúe.

Máis de trinta persoas participaron no proceso de creación destas pezas que teñen como obxectivo dar a coñecer e proporcionar ferramentas de cara á prevención desta realidade das mulleres con discapacidade.

Lorenzana destacou a importancia do proxecto, xa que explicou que as mulleres con discapacidade enfróntanse a unha dobre discriminación: polo feito de ter unha discapacidade e polo feito de ser muller. Indicou que as mulleres que integran este colectivo sofren violencia sexual fóra da parella en maior medida que as mulleres sen discapacidade, aínda que, como dato positivo, apuntou que as primeiras denuncian en maior proporción: un 30,8% fornte a un 20,9%; e tamén buscan máis axuda, un 50,5% fronte ao 31,1%.

Así, sinalou que o Goberno galego é consciente destas barreiras e, por iso, lembrou que a igualdade abórdase desde unha perspectiva integral. Expuxo, neste senso, que o VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, que se aprobou este ano, así como a nova Lei autonómica de igualdade entre mulleres e homes, en tramitación actualmente, inclúen como eixos transversais a interseccionalidade “porque traballar pola integración da diversidade das mulleres no enfoque de xénero tamén é considerar a discriminación múltiple que está presente na vida de moitas mulleres”, engadiu a conselleira. De feito, a futura normativa inclúe a accesibilidade como requisito imprescindible para achegar información ás mulleres con discapacidade e recoñecer as especifidades de todas.

Políticas activas de emprego

Lorenzana, por último, referiuse ás políticas activas de emprego da Xunta nas que as persoas con discapacidade, as mulleres e as vítimas de violencia de xénero son colectivos prioritarios de numerosos programas públicos con beneficios tales como un acceso prioritario ou apoios de maior intensidade. Puxo en valor, ademais, o Plan Emprega Muller e o Plan Emprega Discapacidade e Exclusión Social, que suman entre os dous máis de 74 millóns de euros para apoiar a formación e o acceso a un traballo destes colectivos.

“Na Xunta traballamos en definitiva na mellora da vida das mulleres galegas, xerando espazos de confianza e apoio e tecendo redes que nos axuden a camiñar xuntas cara unha sociedade mellor”, concluíu.

Imaxes relacionadas