A Xunta activa o convenio con Farmamundi para a atención á poboación afectada polo furacán Fiona na República Dominicana

A actuación enmárcase nos acordos de resposta ante emerxencias e suporá unha achega de 16.000 euros para a distribución de alimentos e artigos de hixiene, entre outras actividades

A axuda dirixirase a 1.500 persoas das provincias do leste do país, das que máis da metade son mulleres e nenas
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022.-

A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia a prol da atención da poboación afectada polo furacán Fiona na República Dominicana. Cunha achega de 16.000 euros, a iniciativa permitirá dotar de alimentos e artigos de hixiene e saúde os habitantes das provincias de Altagracia e O Seibo, situadas no leste do país. A intervención desenvolverase coa colaboración de Movemento Socio Cultural para os Traballadores Haitianos (Mosctha), socio local de Farmamundi.

O proxecto dirixe a axuda a unha poboación aproximada de 1.500 persoas, das que máis da metade son mulleres e nenas, con prioridade para os colectivos máis vulnerables, como embarazadas, nais lactantes, menores de seis anos e maiores, fundamentalmente de procedencia haitiana.

Ademais, as actuacións previstas inclúen xornadas de operativos médicos, con entrega de medicamentos esenciais a través de unidades móbiles desprazadas a lugares de difícil acceso, e actividades educativas en pequenos grupos para orientar sobre a prevención de enfermidades, hixiene, auga e saneamento, entre outros temas, segundo as necesidades identificadas en cada comunidade.

Resposta aos riscos de sáude pública

A iniciativa xorde como resposta aos riscos de saúde pública detectados polas autoridades dominicanas, Farmacéuticos Mundi e Mosctha nas provincias do leste da República Dominicana tras o paso do furacán Fiona.

A actuación enmárcase nos convenios anuais de resposta ante emerxencias que vén asinando o Goberno galego desde 2009, con achegas que suman máis de 889.000 euros. Trátase así darlles resposta ás necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables.