A Xunta pon en marcha o novo programa de estadías lingüísticas ‘Spring Week’ con 1.575 prazas

O obxectivo é estimular a práctica oral do alumnado de 6º de Primaria a 4º de ESO en lingua inglesa, co apoio de profesorado nativo, e fomentar a convivencia
 

O programa desenvolverase na primavera, do 16 de abril ao 17 de xuño nun centro residencial en Galicia, en réxime de internado de domingo a sábado
 

Os centros poderá solicitar participar na iniciativa ata o 17 de outubro
 

Trátase dunha das accións previstas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022 

A Xunta de Galicia convocou o novo programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 16 de abril e o 17 de xuño de 2023. A iniciativa vai dirixida a centros docentes públicos, nos que se impartan ensinanzas de 6º curso de Educación Primaria ou de ESO e poderán participar un total de 1.575 alumnos.

 

O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a su´a utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar.

 

Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.

 

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de outubro, incluído. Os centros interesados poderán realizar os trámites a través da aplicación informática habilitada para tal fin. A distribución de prazas por quendas é a que se relaciona no seguinte cadro:

 
QUENDA
DATAS
CURSO
ALUMNADO
1ª quenda
do 16 ao 22 de abril
4º de ESO
175
2ª quenda
do 23 ao 29 de abril
3º de ESO
175
3ª quenda
do 30 de abril ao 6 de maio
3º de ESO
175
4ª quenda
do 7 ao 13 de maio
2º de ESO
175
5ª quenda
do 14 ao 20 de maio
2º de ESO
175
6ª quenda
do 21 ao 27 de maio
1º de ESO
175
7ª quenda
do 28 de maio ao 3 de xuño
1º de ESO
175
8ª quenda
do 4 ao 10 de xuño
6º EP
175
9ª quenda
do 11 ao 17 de xuño
6º EP
175
TOTAL
1.575

Este novo programa enmárcase na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030. Dotada con 83M€ ata 2025, esta liña de acción prioritaria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década e incorpora novas accións para maior especialización en idiomas

 

Imaxes relacionadas