A Xunta salienta en Redondela a calidade e profesionalidade do comercio local

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou a Feira anual de oportunidades e novidades desta localidade pontevedresa, e asistiu ao sorteo da campaña ‘Mercar no teu comercio ten premio’


Nas próximas semanas empezará a segunda edición dos Bonos Activa Comercio, que fomentará o consumo no comercio de proximidade con descontos de 30 euros para as compras nos establecementos adheridos
 

Redondela (Pontevedra), 2 de outubro de 2022 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou hoxe en Redondela a calidade e a profesionalidade do comercio desta localidade pontevedresa, destacando así mesmo o traballo que realiza a Asociación de Empresarios de Redondela no seu impulso, con diferentes iniciativas ao longo do ano para dinamizar as vendas e incrementar a competitividade dos establecementos locais.

 

Precisamente, Heredia visitou esta mañá a Feira anual de oportunidades e novidades de Redondela, organizada por esta asociación empresarial. O acto incluíu o sorteo en directo da campaña Mercar no teu comercio ten premio, impulsada pola Federación Galega de Comercio co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de achegar o consumidor aos establecementos locais e poñer en valor as súas vantaxes.

 

A iniciativa desenvolverase en máis de 40 localidades de toda Galicia, sorteando máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade. Estenderase ata finais de novembro a través de campañas dunha semana de duración en cada unha das localidades. Os tíckets das compras realizadas no comercio local nese tempo poderán cambiarse o día final da campaña por boletos de participación no sorteo en directo de premios, consistentes en tarxetas prepago de 30 e 50 euros.

 

Nesta ocasión a iniciativa contou coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Redondela. Así, todos os clientes desta localidade pontevedresa que fixesen compras entre o pasado 26 de setembro e onte, 30 de setembro, puideron participar no sorteo en directo de 1000 euros en premios.

 

Estas iniciativas complementan as distintas accións impulsadas pola Xunta para reactivar o consumo, entre as que destaca a segunda edición dos Bonos Activa Comercio, que empezarán a funcionar nas próximas semanas. Este programa impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras, fomentando deste xeito o consumo no comercio de proximidade. Os clientes poderán acceder a un bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos.

Cun orzamento que alcanza os 5 millóns de euros, este programa da Xunta súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.