A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe á II Feira do Voluntariado de Ames

A Xunta destaca o traballo das entidades e persoas voluntarias por unha sociedade mellor

O evento, co lema ‘Sementando voluntariado’, contou coa participación de diferentes organizacións

Ames (A Coruña), 1 de outubro de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, puxo hoxe en valor “o traballo das entidades e persoas voluntarias en facer que a nosa sociedade sexa cada día mellor”. Díxoo na celebración da II Feira do Voluntariado de Ames que durante toda a xornada se celebra nas instalacións do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

 

Cristina Pichel deu a benvida ás organizacións de voluntariado dos distintos ámbitos que participan neste encontro, do que salientou a importancia que ten como punto de encontro para compartir experiencias, programas e proxectos.  Ademais, sinalou que “a nosa Comunidade é unha terra solidaria, chea de persoas dispostas a axudar de maneira desinteresada a quen máis o necesita ou a colaborar na difusión e conservación do amplo patrimonio cultural e natural que temos”. Neste sentido, apuntou que, na actualidade, o número de entidades de voluntariado dadas de alta no rexistro da Xunta supera o millar e disparouse o número de persoas voluntarias por riba das 50.000.

 

A Xunta de Galicia conta co seu propio mostrador na feira, con información sobre as distintas iniciativas e accións formativas que ten en marcha no eido do voluntariado. Ademais, o programa da feira inclúe obradoiros, música, exposición fotográfica e un encontro intercultural. Esta segunda edición desenvolvese baixo a lenda ‘Sementando voluntariado´.

 

Convivencia Down e concurso ‘Ceibarimas’

Por outra parte, Cristina Pichel tamén participou este sábado nun encontro organizado por Down Galicia no albergue do Seminario Menor, en Santiago de Compostela. A finalidade desta xornada foi reunir a usuarios das entidades Down de toda Galicia e mozos sen discapacidade para compartir experiencias e desfrutar dunha fin de semana de cultura e ocio. Na xornada de hoxe os participantes escolleron entre facer un tramo do Camiño de Santiago ou un obradoiro de cociña.

 

A directora xeral de Xuventude rematou a xornada do sábado asistindo no Campus Norte da Universidade de Santiago de Compostela á ‘Liga Ceibarimas’, concurso de freestyle en galego que contou co apoio da Xunta a través do programa Iniciativa Xove.