A Xunta abre a convocatoria para o desenvolvemento de clubs de lectura nos centros escolares, cun orzamento de 400.000€

Este programa, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, chegou o curso pasado a 346 centros e máis de 12.000 participantes
 

O obxectivo desta iniciativa é promover os hábitos lectores e as competencias lingüísticas, sociais, culturais e artísticas do alumnado
 

Accións coma esta contribúen a que Galicia se sitúe nos postos de cabeza dos resultados de competencia lectora de PISA, por riba da media de España, da OCDE e da Unión Europea
 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2022 A Xunta vén de abrir a convocatoria para o desenvolvemento de Clubs de Lectura nos centros escolares galegos, ben para a súa implantación por primeira vez ou ben para a continuidade deste programa nas etapas de Primaria (que se abriu por primeira vez o pasado curso) e de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial.

 

Esta iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades no marco do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021-2025, conta un orzamento de 400.000 euros destinados, principalmente, a sufragar a adquisición de libros para as actividades do club, que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca escolar, así como para outros gastos de funcionamento.

 

O obxectivo destes Clubs -que o pasado curso chegaron a 346 centros públicos e contaron con máis 12.000 participantes- é promover e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística...).

 

Este tipo de iniciativas contribúen a que Galicia estea nos postos de cabeza dos resultados en competencia lectora, tal e como corrobora o último informe PISA. Os alumnos galegos obtiveron un total de 494 puntos en lectura, 17 puntos por riba do promedio de España, sete por riba do da OCDE e cinco por riba da Unión Europea.

 

Compartir experiencias

Poñer en marcha un club de lectura nun centro educativo consiste, basicamente, en promover a participación dun grupo de alumnado para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso.

 

Normalmente estes clubs de lectura -cuxo espazo natural son as bibliotecas escolares- vense enriquecidos polo emprego das tecnoloxías da información e a comunicación (que contribúen á lectura en diversos soportes, permiten introducir as narrativas transmedia e facilitan a difusión de actividades), así como pola participación de adultos da comunidade educativa que propician o intercambio de experiencias interxeracionais.

 

Ademais da dinamización a prol da lectura e ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida, os Clubs de Lectura tamén están concibidos como espazos de convivencia e de educación cidadá.

 

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes. Poderán solicitar participar neste programa os centros de Primaria, ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca escolar ou conten con profesorado que pretenda poñelo en marcha con alumnado e outros membros da comunidade escolar en tempos de lecer ou horario extraescolar.

 

As solicitudes, que se presentarán a través da  que se presentarán a través da aplicación https://www.edu.xunta.gal/programasbibliotecas/, deberán ir acompañadas de documentación na que se determinen as finalidades do club de lectura, as actividades programadas, a composición e número de participantes aproximado e as formas de organización e funcionamento previstos, entre outros datos.

 

Imaxes relacionadas