A Xunta mellora o edificio dos xulgados de Ortigueira cun investimento de 38.000 euros

O vicepresidente segundo, Diego Calvo, visitou as instalacións para comprobar as actuacións desenvolvidas

A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas xudiciais
 

Ortigueira (A Coruña), 1 de outubro de 2022.-

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou estes días o edificio dos xulgados de Ortigueira para comprobar as melloras realizadas pola Xunta, que supuxeron un investimento de 38.000 euros.

 

A obra consistiu na renovación dos elementos da cuberta en mal estado, como os lucernarios e pezas de ventilación, así como no selado do encontro de granito vertical coa cuberta do andar baixo. O obxectivo da actuación é corrixir os problemas de filtración de auga de chuvia detectados nas cubertas.

 

Así, o lucernario a dúas augas do volume principal do edificio substituíse por outro de 30 metros cadrados e estrutura autoportante de aluminio lacado e revestido de placas de policarbonato celular. Pola súa banda, o lucernario a unha auga do volume posterior da instalación cambiouse por outro de 4 metros cadrados, tamén cunha estrutura autoportante de aluminio lacado e revestido de placas de policarbonato celular. Canto ás novas claraboias instaladas, optouse por unhas de cúpula fixa parabólica con illamento térmico e fixación estanca.

 

A través da iniciativa, a Xunta quere poñer á disposición da cidadanía un edificio que garanta a prestación de servizos nas mellores condicións. Segundo apuntou Diego Calvo, estas actuacións poñen de manifesto o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas xudiciais. Nesta liña, salientou o orzamento de 1,6 M€ destinado este ano a pequenas reformas e de mellora, medidas que nos últimos anos afectaron á práctica totalidade dos edificios xudiciais galegos.

 

Por outra banda, o vicepresidente segundo salientou o investimento de máis de 125 millóns de euros no Plan de Infraestruturas Xudiciais e a creación da Cidade da Xustiza de Vigo, á que se destinaron 42 millóns de euros.

 

Impulso á dixitalización

A mellora dos recursos materiais complétase co impulso que se lle está a dar á dixitalización nos xulgados galegos a través do Plan tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia, Senda 2025, presupostado en 43 millóns de euros. Con este novo plan o Goberno galego da continuidade aos dous Plans Senda anteriores aos que a Xunta xa destinou outros 50 millóns de euros.

Imaxes relacionadas