A Xunta participa na presentación do Touring Xacobeo & Volta Motociclista a Galicia 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da 40ª edición da Volta que percorrerá Galicia de sur a norte
 

A Volta pasará por lugares emblemáticos de Galicia, como o faro de Domaio, Cabo Home, o faro de Fisterra, a Torre de Hércules, o faro de Cabo Vilán, o faro de Meira, os acantilados de Loiba , Cabo Ortegal e Estaca de Bares, entre outros
 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2022 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación da nova edición de Touring Xacobeo & Volta Motociclista a Galicia 2022, que tivo lugar esta fin de semana e percorre Galicia de sur a norte.

Nava castro indicou que esta edición que xa cumpre 40 anos xa está consolidada como unha proba decana do mototurismo a nivel nacional e tamén a nivel internacional. “A suma de moto máis turismo fai que esta sexa unha experiencia para todos os que nela participades sinceramente moi envexable”, indicou a directora de Turismo de Galicia.

A Volta percorrerá  lugares emblemáticos de Galicia, dende a cidade de Pontevedra, as salinas do Ulló, o faro de Domaio, Cabo Home ata o faro de Fisterra, Muxía, Camariñas e a Torre de Hércules. Así como faros como o de Laxe, o faro de Cabo Vilán, o faro de Meira, os acantilados de Loiba , Cabo Ortegal e Estaca de Bares.

“Un espectáculo para calquera que faga esta Volta. Un espectáculo para calquera que participe nela. E un espectáculo para todos os que poidamos vervos e tamén para os peregrinos e turistas que están de paso naqueles lugares que visitedes”, rematou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia lembrou que tanto peregrinos como turistas están chegando a Galicia batendo récords, xa que a pasada semana se superou o número de  Compostelas entregadas en todo o ano 2019, que era o que rexistrara máis peregrinos e os datos de ocupación hoteleira do mes de agosto que acadan tamén máximo de viaxeiros e de pernoitas e un nivel de recuperación respecto do 2019 por riba da media de España.

Mediante o apoio deste tipo de iniciativas, a Xunta de Galicia segue apostando pola diversificación e a desestacionalización da celebración deste Xacobeo 21-22, repartindo eventos ao longo de todo o ano con todo tipo de actos orientados a diferentes públicos para que a oferta cultural, artística, e neste caso deportiva,  chegue a todas as partes do territorio.

Imaxes relacionadas