O Observatorio galego de dinamización demográfica constitúe novos equipos de traballo

Crea un sobre formación e innovación e outro sobre benestar e saúde

Estes dous novos grupos súmanse aos cinco que xa viñan funcionando e que agora se renovaron e que abranguen: a xuventude, a familia, o envellecemento, os movementos migratorios e o territorio
 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2022.-

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica constituíu novos grupos de traballo co obxectivo de reforzar o labor que realiza este organismo. Desde esta semana, conta con dous novos equipos: un sobre formación e innovación, e outro sobre benestar e saúde.

 

Estes dous novos grupos súmanse aos cinco que xa viñan traballando, e que agora se procedeu á súa renovación: sobre xuventude, familias, envellecemento, movementos migratorios e territorio. Todos eles serán equipos plurais dos que forman parte representantes da universidade, da administración, da patronal, dos sindicatos e de formacións políticas.

 

Así mesmo, a reunión de constitución dos grupos tivo lugar no Consello Económico e Social, sede do Observatorio, e estivo dirixida pola vicepresidenta do Observatorio, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Xosé Rodríguez Galdo. A este encontro asistiu tamén en representación do Goberno galego o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey.

 

Lei de impulso demográfico

Cómpre recordar que o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica é un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía no ámbito de Comunidade Autónoma de Galicia. De feito, este órgano transversal sentou as bases da Lei de impulso demográfico, a pioneira neste eido en España.

 

O Observatorio ten como finalidade facilitar o coñecemento pormenorizado da realidade demográfica galega, asesorar ás administracións públicas galegas para a inclusión da perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento das súas políticas e servir de foro de diálogo permanente entre as distintas administracións públicas e as organizacións representativas de intereses sociais e económicos, co fin de asegurar a súa participación activa na abordaxe dos desafíos derivados do cambio demográfico.

Imaxes relacionadas